10M | Organizar a clase obreira para liberar Galiza

Cada 10 de marzo lembramos o asasinato dos obreiros galegos Amador Rey e Daniel Niebla, abatidos pola policía española en Ferrol no ano 1972, no contexto das grandes mobilizacións obreiras en Ferrol e Vigo. Mais non estamos só ante unha data de “memoria histórica”ou de denuncia do fascismo. É unha data de afirmación nacional e de clase, unha xornada de combate e reivindicación, na que o principio irrenunciábel de autoorganización do noso pobo xungue a loita obreira contra o capitalismo coa loita nacional pola nosa autodeterminación e independencia.

Aquel xermolo do movemento obreiro, inspirado na mellor tradición do nacionalismo galego, no marxismo-leninismo e nas loitas de liberación nacional, elaborou a análise correcta sobre a realidade dunha nación colonizada como Galiza, que se manifesta nun modelo socioeconómico dependente: industrias de enclave e extractivista, espolio dos recursos naturais a mans do capital foráneo, destrución de sectores produtivos, desindustrialización, desemprego e precariedade laboral, emigración forzada da nosa mocidade, infraestruturas que non vertebran o país etc… Un modelo que só ía ser posible rachar cun forte movemento soberanista asentado nas clases traballadoras mobilizadas como forza de contrapoder.

Estamos nun contexto social e económico diferente, pero no que a dependencia de Galiza e a explotación da clase obreira non só continúa senón que se agudiza. O réxime do 78 e o marco autonómico teñen demostrado a súa incapacidade para resolver os problemas da clase traballadora. Reafirmamos a vixencia dos principios que viron nacer o sindicalismo nacional e, como comunistas e independentistas galegas, constatamos que a clase obreira pode dirixir consecuentemente a loita do nacionalismo galego pola soberanía e a xustiza social. Fronte a quen pretende reducir o seu papel só á loita sindical, afirmamos a centralidade da clase traballadora como forza capaz -da man dunha organización estratéxica cunha liña revolucionaria xusta- de confrontar co actual réxime e camiñar cara ao necesario proceso de ruptura con España e co capital. Así mesmo, precisamente para armar a clase obreira galega das ferramentas para liderar ese proceso. É preciso comprender -como fixo o nacionalismo popular galego nos anos setenta- a base material en que se desenvolve a loita de clases na Galiza de hoxe como guía para unha acción revolucionaria con alicerces sólidos.

Como galegos e galegas libramos as nosas batallas diarias no noso marco nacional, Galiza. Porén, as nosas loitas non son alleas ao contexto do sistema imperialista mundial: un sistema de opresión da maioría dos pobos e países por un puñado de potencias dominantes e das súas estruturas económicas, militares e mediáticas (OTAN, UE, FMI, G7,…). A nosa convicción internacionalista obríganos a sentir como propias as loitas dos pobos da Palestina, Líbano, Venezuela, Cuba, Irán, e de todos aqueles que combaten o imperialismo, o sionismo e o colonialismo, e enmarcar todas elas na mesma trincheira da clase obreira galega.

Desde o Movemento Arredista, organización integrada no BNG, non cansaremos de chamar a activarse e a loitar nas organización do soberanismo galego, e nomeadamente no sindicalismo galego de clase, na CIG. Así mesmo, tampouco cesaremos no intento de articular aos sectores máis conscientes da clase obreira galega en chave comunista e independentista, para levar as posicións revolucionarias aos traballadores e traballadoras. Urxe tomar conciencia e dispornos para o combate, xunguindo as reivindicacións máis inmediatas do día a día cos obxectivos estratéxicos dunha Galiza independente, socialista e feminista. Nestes tempos en que o sistema fomenta o “sálvese quen poida” é necesario recuperar solidariedade e compromiso militante que avive o conflicto social fronte aos poderosos. Só deste xeito racharemos co negro destino que para a clase obreira galega nos reserva España e o capitalismo.

Comparte:

As últimas entradas

25X | Acumularmos forzas pola independencia

O conflito nacional galego é un proceso histórico que leva máis dun século acumulando ideas, experiencias e forzas para superar a contradición nacional, a contradición principal que se dá na Galiza e que está atravesada polo antagonismo de clases de forma indisolúbel. Desde a Revolución de 1846, influída polo socialismo utópico da altura, até a

Avanzarmos no confronto contra España e o imperialismo

Fronte ao desfile do exército español en Vigo deste Sábado 30 de Maio, desde o Movemento Arredista adherimos á manifestación nacional convocada pola plataforma Galiza pola paz, en rexeitamento de dito acto de exhibición do militarismo españolista por parte das forzas de ocupación, que tamén fica encadrado dentro da escalada bélica promovida polo bloque imperialista.

Até sempre, camarada Antolín

Desde o Movemento Arredista queremos manifestar o noso profundo pesar polo falecemento de Antolín Alcántara, unha das grandes referencias do  nacionalismo galego e un militante exemplar que consagrou toda a súa vida á defensa da clase obreira, da xustiza social e da liberación nacional da Galiza. Alén de polo seu labor sindicalista e para co

17M | Independência nacional para umha língua plena

A fenda linguística que sofremos, com a perda constante de espaços de uso e de novos falantes, é consequência direta da nossa falta de soberania. O galego leva décadas resistindo num marco estatal que o condena à subordinaçom permanente. O autonomismo demonstrou ser um instrumento de castelhanizaçom desde os seus inícios, o que supujo ter