No 1º de Maio, “Dia Internacional da Clase Obreira”, non podemos comezar sen renderlle homenaxe ás milleiros de persoas traballadoras que, hai xa 140 anos, se mobilizaron polas rúas de Chicago para loitar pola xornada laboral de 40 horas, pola dignificación das condicións laborais, pola superación da espoliación, en definitiva para dignificar as condicións da Clase Traballadora. Amosándonos coa súa práctica que a unidade e a loita son quen de facer posíbel o imposíbel, son quen de levar á Clase Traballadora a conquistar todas as metas que nos propoñamos. Non temos máis que perder os medos para poder transformar a nosa realidade social e nacional, para facer das supostas utopías auténticas realidades, como tentou sen cansazo, e mentres viviu e mesmo entregando a súa vida, un mozo galego chamado Xosé Ramón Reboiras Noia.
Neste momento histórico nun mundo que segue envolto nas infinitas e permanentes guerras que o capital precisa, ao igual que as chamadas crises, para concentrar a riqueza cada vez en menos mans, sen que para iso lles importen a fame, a pobreza, a destrución, a morte (asasinatos) mesmo de crianzas.
Pouco máis dá que sexa no Irán, na Venezuela, na Siria, na Libia, no Sahara, no Sahel, no Sudán, no Congo, na Somalia ou na Palestina, por nomear algunhas delas. Dicimos pouco máis non porque nos parezan poucas ou de baixa intensidade, senón porque a súa estrutura, o seu deseño e os seus intereses amósannos que (case) nada acontece por casualidade, á vez que (case) todo está perfectamente relacionado.
Son estas guerras imperialistas e coloniais as que, coa xustificación de traer, implantar non se sabe que democracias e dereitos civís, teñen como único obxectivo o espolio dos recursos dos diferentes países para beneficio das elites económicas internacionais. Nese obxectivo absoluto de concentración da riqueza, nada lles importan as consecuencias que estamos a padecer as Clases Populares, cun empobrecemento galopante e, tamén, á vez necesario para incrementar, aínda máis, o poder e a riqueza desas elites económicas; incremento da súa riqueza que trae como consecuencia o medre desorbitado dos prezos, sobre todo dos bens de primeira necesidade, a conxelación dos salarios coa desculpa da incerteza da guerra e, polo tanto, como diciamos, o empobrecemento galopante da maioría social, das clases populares.
Neste contexto resulta indignante e insultante que tanto o Goberno da Xunta como o do Estado se fagan notar polo seu desprezo ás Clases Populares, defendendo os intereses do capital ou, probabelmente aínda peor, simulando que se fai, reivindicando proclamas antimilitaristas cando na realidade propoñen medidas absolutamente ineficaces para defender as maiorías sociais, continúan na carreira de armamento e incrementan o orzamento do Estado para gastos militares.
Na actualidade deste 1º de Maio de 2026, cobra unha especial importancia a transcendencia que tanto a Patronal como os Gobernos da Xunta e de Madrid e toda a mediática ben pensante que os acubilla lle están a dar á necesidade de controlar o absentismo, noutras palabras, en converter a enfermidade nun delito.
Así empregan o que eles chaman “absentismo” como unha xustificación máis para levar a cabo aínda máis recortes económicos e sociais na contra da Clase Traballadora, convertendo en consecuencia o que non é máis que un síntoma. Así, o absentismo non é máis que un síntoma do deterioro interesado e provocado da sanidade pública, do sistema público de pensións, implicando este último un envellecemento inmenso da Clase Traballadora, consecuencia directa das contrarreformas das pensións, asinadas tamén polo sindicalismo español, e que ten como unha das súas claras consecuencias o retraso na idade ordinaria de xubilación.
Deterioro dos sistemas públicos de sanidade e pensións, ao que tamén temos que engadir o deterioro no ensino público e nos servizos sociais, deterioros todos eles intencionados para xustificar a súa privatización, proceso que tamén se aproveita para detraer recursos públicos de todos eles e así xustificar a súa privatización e deste xeito contribuír a concentrar a riqueza no capital privado disposto a explotar estes novos nichos de negocio. Así mesmo e á vez que se detraen cada vez máis recursos públicos que tiñan como destino o sustento destes servizos básicos para a sociedade (sanidade, pensión, ensino, servizos sociais…), asegúranse que outra boa parte destes recursos detraídos teñan como destino, xa preacordado, incrementar aínda máis o xa de por si esaxerado orzamento do gasto militar. Voltando, deste xeito, a pechar o círculo que se inicia coas guerras imperialistas. Velaí por que (case) nada é casual e por que (case) todo está relacionado.
Nesta mesma realidade e actualidade, non queremos deixar de referirnos á vaga reaccionaria, fascista, españolista e racista que estamos a padecer e que entusiastamente alimentan tanto o PP e a súa mediatica, como tamén o PSOE coa súa falsa progresía política e as súas mediáticas; neste último caso, no do PSOE, máis grave, se cabe, aínda pola súa absoluta inacción e falla de resposta fronte a unha ofensiva cada vez máis coordinada e contundente do capital, que agora xa non dubida, nin disimula, en aplicar a cara descuberta o seu fascismo e políticas de ultradereita para imporse fronte á Clase Traballadora.
Un exemplo claro e cada vez máis estendido destas políticas fascistas é o cuestionamento e defensa da supresión do que eles denominan “paguitas”, “paguitas” que non constitúen máis que un mínimo e insuficiente sustento para a Clase Traballadora máis desfavorecida e maioritariamente desempregada. Críticas e cuestionamento do que chaman “paguitas” que, porén, non aplican ás “pagazas”; ao contrario, no caso das “pagazas” non dubidan en defendelas día tras día. Explicámonos, onde están as críticas de PP, PSOE e Patronal e as súas mediaticas ás inxentes contías económicas que ano a ano se destinan directamente desde os nosos impostos ás empresas, ao capital privado, para, entre outros, subvencionar os seus ERTEs, as axudas á contratación ou, mesmo, subvencionar aos medios de comunicación para mercar as súas vontades? Resumindo, destinando de maneira directa e sen practicamente control miles de millóns de euros anuais maioritariamente saídos dos impostos das persoas traballadoras, aos petos do capital, sen ningunha contrapartida real, incrementando os seus xa inxentes beneficios.
Por non falar da “PAGAZA”, así con maiúsculas (mais de 100.000 millóns de euros), que se destinaron hai uns 14 anos ao rescate bancario. Centos de miles de millóns de euros que foron, segundo diferentes informacións, maioritariamente detraídos do Fondo de Reserva das Pensións e que serviron para fulminar o dito fondo de reserva, á vez que para xustificar os recortes no sistema público de pensións, así como para socializar as perdas dun sistema financeiro que, unha vez saneado, en lugar de retornar ao público o “roubado”, anda a facer ostentación da obtención de beneficios cada vez máis insultantes; beneficios, por certo, cos que, presuntamente, a banca financia a industria armamentística e a estados imperialistas e belicistas como Israel. Velaí outro círculo que se pecha: volta (case) todo a estar relacionado.
Fronte a esta situación, non podemos por máis que destacar a necesidade de autoorganización da Clase Traballadora e dos pobos; historicamente téñense acreditado e demostrado como o único baluarte fronte ao avance do fascismo. Por iso non podemos deixar de afirmar que no noso País, na Galiza, a única alternativa real para a Clase Traballadora e para as Clases Populares da Galiza é a construción da Independencia e o Socialismo, tal e como nos aprendeu o sempre eterno Moncho Reboiras.
Viva Galiza ceibe e socialista!
Viva o 1º de Maio!



