1º de maio | Organicemos a resposta ás guerras do capital!

Nun contexto global de guerras do imperialismo e de crise do capital onde se agudiza a explotación de clases e de pobos, afirmamos máis unha vez a necesidade dunha resposta de clase e nacional. Asistimos a unha precarización acelerada da vida das clases populares en contraposición da militarización e da alarma dunha guerra inminente espallada polos Estados europeos.

Na Galiza sufrimos a opresión de clase e a carestía da vida dentro dun contexto de opresión nacional na periferia do centro imperialista, sometidas a un Estado español que acaba de superar o 2 % do PIB en gasto militar a través da desviación de orzamentos para necesidades sociais como sanidade ou educación. Ademais, a Unión Europea xoga un papel subxugado aos intereses estadounidenses exixindo o rearme bélico dos Estados membros, mentres estende o proxecto reaccionario da extrema dereita que recorta dereitos sociais conquistados polos pobos e asegura o control xeopolítico da OTAN.

Para combatermos esta realidade adversa, acreditamos no suxeito político dun marco galego de loita nacional desde o que afrontamos os conflitos diversos que atinxen as clases populares e aspiramos a conquistar a súa emancipación. Este marco non só se entende baixo a relación de dominación Galiza-España, mais tamén dentro das dinámicas capitalistas transnacionais e desde el propoñemos participar no horizonte da revolución global.

Co obxectivo de racharmos con este panorama de crise perpetua e de violencia do capital, desde o Movemento Arredista e Isca! defendemos a autodeterminación como dereito democrático exercido polas nacións oprimidas. A independencia é a única vía para camiñarmos cara a un futuro libre das lóxicas do capital nun Estado soberano que supere a contradición de clase e, por conseguinte, toda violencia contra os colectivos oprimidos.

Por tanto, o proceso de liberación nacional ten que estar dirixido pola clase traballadora galega que, da man das clases populares, camiñará en primeiro lugar cara á construción dun Estado socialista galego para despois participar na composición do comunismo mundial.

Cómpre contarmos con ferramentas políticas para intervir na nosa realidade, isto é, independencia e soberanía. Deste xeito, é imprescindíbel organizármonos en todos os ámbitos, tecermos redes de contrapoder e erguermos espazos de construción dunha realidade radicalmente diferente á vixente e en paz entre todos os pobos. Grazas a situármonos nun marco de loita nacional, contamos con ferramentas para librarmos o combate como as estruturas sindicais, as organizacións políticas ou o tecido asociativo.

E por iso, como en cada 1º de maio, saímos ás rúas do país da man da CIG, quen convoca 17 mobilizacións baixo o lema «Traballo, dereitos, soberanía. Galiza contra as guerras». Afortalarmos o sindicalismo nacionalista e de clase que representa a CIG é crucial para que a clase traballadora galega tome consciencia do seu papel protagonista na construción dun Estado socialista e soberano.

Cuestionemos o vello mundo: só co socialismo no horizonte poderemos combater o sistema e aspirar a unha vida digna e libre de guerras.

Neste 1º de maio: organicemos a resposta ás guerras do capital!

Comparte:

As últimas entradas

25X | Acumularmos forzas pola independencia

O conflito nacional galego é un proceso histórico que leva máis dun século acumulando ideas, experiencias e forzas para superar a contradición nacional, a contradición principal que se dá na Galiza e que está atravesada polo antagonismo de clases de forma indisolúbel. Desde a Revolución de 1846, influída polo socialismo utópico da altura, até a

Avanzarmos no confronto contra España e o imperialismo

Fronte ao desfile do exército español en Vigo deste Sábado 30 de Maio, desde o Movemento Arredista adherimos á manifestación nacional convocada pola plataforma Galiza pola paz, en rexeitamento de dito acto de exhibición do militarismo españolista por parte das forzas de ocupación, que tamén fica encadrado dentro da escalada bélica promovida polo bloque imperialista.

Até sempre, camarada Antolín

Desde o Movemento Arredista queremos manifestar o noso profundo pesar polo falecemento de Antolín Alcántara, unha das grandes referencias do  nacionalismo galego e un militante exemplar que consagrou toda a súa vida á defensa da clase obreira, da xustiza social e da liberación nacional da Galiza. Alén de polo seu labor sindicalista e para co

17M | Independência nacional para umha língua plena

A fenda linguística que sofremos, com a perda constante de espaços de uso e de novos falantes, é consequência direta da nossa falta de soberania. O galego leva décadas resistindo num marco estatal que o condena à subordinaçom permanente. O autonomismo demonstrou ser um instrumento de castelhanizaçom desde os seus inícios, o que supujo ter