40 anos de Estatuto: superar os marcos, avanzar cara á República Galega

A nosa aposta, e a de cada vez máis sectores tamén no noso país, é a da plena independencia nacional: sermos un pobo libre que se relacione en pé de igualdade co resto do mundo.

Hai 40 anos, o 6 de abril de 1981, o rei español Juan Carlos I e o presidente do estado na altura, Leopoldo Calvo Sotelo, asinaban o estatuto de autonomía hoxe vixente no noso país. O xesto, trámite obrigado para a entrada en funcionamento da norma, evidenciaba perfectamente os límites e servidumes dun marco que non é a expresión soberana do noso pobo, senón o instrumento co que se consolidou a nosa dependencia. 

Nestas catro décadas, non són non se solucionaron os principais problemas do noso país, senón que se acentuaron. A consagración do noso papel dependente acelerou tendencias devastadoras a todos os niveis como o desmantelamento industrial e a liquidación dos nosos sectores produtivos, a degradación ecolóxica ou a substitución lingüística. Neste tempo, a oligarquía parasitaria española e os seus intermediarios enriquecéronse máis que nunca, mentres o empobrecemento, a precariedade e a emigración se extendían cada vez máis no noso país. Ademais, neste mesmo período foise completando tamém a nosa inserción dobremente subalterna na UE, un proceso no que o noso pobo ficou novamente relegado e sem voz ante unha construción política e unha arquitectura económica ao servizo do capital transnacional, que alonxan cada vez máis as decisións que nos afectan.

Nestas catro décadas, non són non se solucionaron os principais problemas do noso país, senón que se acentuaron.

Esta dura realidade confirma as análises que historicamente desenvolveu o nacionalismo galego arredor do Estatuto e a Constitución como marcos xuridico-políticos negadores da nosa nación e cos que hai que rachar. En particular, os estatutos de autonomía foron un elemento central do proxecto das elites españolas na restauración postfranquista -a chamada “transición”-, como forma de tentar desactivar as revindicacións nacionais. A operación contou na altura co apoio da maioría da esquerda española mais coa coherente oposición do soberanismo galego, que soubo avaliar correctamente as implicacións da mesma e contrapuxo a súa propia alternativa fundamentada no dereito de autodeterminación: as Bases Constitucionais.

Hoxe, o soberanismo galego tamén conta com valiosas ferramentas actualizadas ao momento histórico coas que defender unha alternativa ao actual marco de dependencia, e en base ás cales debemos acumular forzas nunha estratexia de desestabilización do réxime e confrontación democrática coas súas estruturas. O BNG presentou en 2017 as Bases democráticas para unha nova Galiza, que se fundamentan na plena soberanía e no dereito de autodeterminación da nosa nación como principios irrenunciábeis para calquer articulación política.

En 2018 a plataforma social soberanista Via Galega, fixo pública, coincidindo co centenario do Manifesto da Asemblea Nacionalista de Lugo, a Carta de Dereitos do Povo Galego. Este documento recolle os dereitos inalienábeis que corresponden á nosa nación como suxeito de soberanía con capacidade para decidir sobre todos os seus asuntos.

É necesario socializar e difundir alternativas propias en base ás cales mobilizar e acumular forzas, mais sobre todo debemos saber utilizalas, o percorrido que poden ter e a forma de facelas viábeis. A experiencia destes 40 anos, tanto do noso país como a do resto de pobos que subsisten baixo este réxime, mostra as claras que non existe marxe de reforma -cando menos en sentido positivo- dentro do marco constitucional e estatutario. Esta conclusión, que fixo parte do proceso de clarificación colectiva que viviu nos últimos anos o movemento soberanista, debe facer que actuemos en consecuencia, fuxindo definitivamente de vías mortas que só poden crear máis frustración entre o noso pobo.

A experiencia destes 40 anos, tanto do noso país como a do resto de pobos que subsisten baixo este réxime, mostra as claras que non existe marxe de reforma -cando menos en sentido positivo- dentro do marco constitucional e estatutario

Sen renunciar a conseguir calquer avance parcial que mellore a vida das maiorías sociais, debemos aproveitar o debate competencial ou sobre o marco político non para alimentar utópicas vías de reforma interna do estado, a Constitución ou o Estatuto, senón para pór sobre a mesa e visibilizar no debate público a única alternativa que ofrece xa non só unha vida digna, senón a simple supervivencia á nosa nación se quer seguir sendo tal.
O dereito de autodeterminación non é unha proposta de máximos: é un mínimo democrático que, por desgraza, o estado nunca estivo nin estará disposto a asumir. Por tanto, dese dereito debe partir calquer proposta de futuro, sen máis límite que a vontade soberana do pobo galego. A nosa aposta, e a de cada vez máis sectores tamén no noso país, é a da plena independencia nacional: sermos un pobo libre que se relacione en pé de igualdade co resto do mundo. Asumimos esa proposta xa non só desde o convencemente dos nosos principios, senón tamén como a máis realista: non hai nada mais utópico que tentar reformar o irreformábel ou tentar construír a nosa liberación con ferramentas deseñadas exlicitamente para oprimirnos. Por iso, agora máis que nunca cómpre adecuar a táctica e a estratexia para percorrermos o único camiño posíbel: ruptura democrática, proceso constituínte e República Galega.

Comparte:

Share on facebook
Share on twitter
Share on whatsapp
Share on telegram

As últimas entradas

Por dignidade e coherencia, non debemos apoiar un novo goberno do PSOE

Para comezar sequera a falar de novos acordos ou posíbeis apoios a un goberno estatal, o mínimo esixíbel -por unha cuestión de dignidade política non só como organización senón como pobo- sería o cumprimento íntegro do xa asinado no seu día e a reversión dos recortes, medidas antipopulares ou retrocesos da última lexislatura. 

Sobre a situación en Palestina

O Movemento Arredista, fiel aos seus principios de solidariedade internacionalista e loita contra toda forma de opresión, desexa expresar a súa posición fronte aos acontecementos recentes en Palestina. Historia e contexto: Non se pode comprender a situación actual sen recoñecer a historia de desprazamento e opresión que sufre o pobo palestino desde hai máis de