O marco autonómico derivado da Constitución Española non foi quen de dar solución á maioría dos problemas do noso pobo, e mesmo contribuíu a agravar moitos deles nestes 43 anos de limitado autogoberno. A nefasta xestión da dereita españolista que pilotou case sempre a autonomía acentuou aínda máis esas problemáticas, que sabemos que poderan ser parcialmente enfrontadas, mais non plenamente superadas sen transformar ese marco. Cara a ese camiño diriximos os nosos esforzos.
Desde esa perspectiva, e como parte que somos do BNG, chamamos a reforzar electoralmente a opción política unitaria do soberanismo galego, especialmente ante esta oportunidade inédita na que temos opcións reais de liderar o goberno autonómico e pór freo ao programa neoliberal e desgaleguizador da dereita españolista.
Sempre entendemos a acción institucional como un medio e non como un fin en si mesmo. Da mesma forma encaramos tamén estas eleccións e a posibilidade de gobernar a Xunta: conscientes da importancia que implicaría ese paso como un máis no camiño aos nosos obxectivos, mais tamén de que as dificultades e retos que afrontaremos serán enormes.
A mudanza á que aspiramos implica xestionar mellor, liquidar o caciquismo e a corrupción e pór fin ao uso espúreo das institucións e medios públicos. Mais non pode ficar niso, e debe afrontar un profundo programa transformador en todos os aspectos que permita o marco competencial da autonomía. Convidamos a ler o programa do BNG, que recolle un ambicioso proxecto de mudanza en todos os ámbitos e que debe ser a guía que oriente a necesaria acción dun goberno liderado polo soberanismo, que pola nosa parte sintetizamos en 3 prioridades fundamentais e inseparábeis:
Recuperar dereitos
A mudanza no goberno autonómico é urxente para reverter os recortes nos servizos públicos, especialmente na sanidade, nos coidados e no ensino, reducindo progresivamente a presenza do sector privado neses ámbitos e reforzando a iniciativa pública no conxunto da sociedade fronte aos intereses do capital.
Será preciso un papel decidido da administración autonómica na defensa dos sectores produtivos e na reindustralización do país, dando centralidade na economía a ferramentas como a necesaria banca pública.
Igualmente, deberase enfrontar o encarecemento da vida para a maioría social, con medidas especialmente dirixidas ao ámbito da vivenda, tamén desde a centralidade da iniciativa pública e con medidas regulatorias nos prezos e de combate á especulación. A política fiscal deberá utilizarse como ferramenta de redistribución social e non para garantir os privilexios da oligarquía como actualmente.
Tamén cómpre gobernar para afrontar a crise climática desde unha estratexia integral e non subordinada aos intereses das empresas e o “capitalismo verde”, acabando coa ofensiva eólica contra o noso territorio e impulsando unha empresa pública de enerxía que sexa a base dun proceso planificado nese ámbito en función do ben común.
En xeral, o reto será gobernar para os intereses da maioría social que vive do seu traballo e de todos sectores oprimidos, con políticas abertamente de esquerda e feministas. Isto implicará afectar os intereses da minoría que hoxe se beneficia e lucra dunha orde inxusta. Asumimos que as resistencias serán proporcionais á profundidade dos cambios, mais temos vontade de afrontar esa batalla de forma decidida.
Construír nación
No proceso de construción nacional ten un rol central a organización e a activación popular, mais as institucións deben xogar tamén un papel de primera orde á hora de frear o proceso de desgaleguización en curso.
Recuperar a hexemonía social do noso idioma debe ser parte dun ambicioso programa de regaleguización en todos os ámbitos, especialmente no ensino, impulsando e apoiando os proxectos de inmersión linguística como única forma viábel de garantir a competencia na lingua propia.
Partindo da concepción do noso idioma como parte da lusofonía, debemos aproveitar esa realidade para favorecer un proceso de internacionalización da nosa lingua e cultura (que debe ser de ida e volta) sen pasar por España.
Tamén impulsar a oficialidade das seleccións deportivas propias e reforzar en xeral todos os elementos que sustentan a nosa identidade colectiva, non desde posicións esencialistas senón como cemento en constante transformación dunha comunidade con vontade de seguir existindo e asumir plenamente as rendas do seu futuro.
As políticas culturais deben xogar un papel central, mais as iniciativas de construción nacional deberán ter un carácter transversal a todas as áreas, impulsando referencialides autocentradas en todos os niveis, desde os mais banais aos máis simbólicos. Isto implicará tamén deconstruír progresivamente os elementos que sustentan a identidade española no noso país, algo que non poderá ser feito sen conflito, mais que deberá ser abordado intelixentemente e sen complexos.
Igual que no interior, a proxección no mundo da nosa realidade nacional debe xogar un papel no camiño de fortalelcer o noso proxecto emancipador. Asumir um papel en apoio de todas as loitas xustas dos pobos do planeta é un necesario exercicio de internacionalismo, mais tamén servirá para situar o noso país como suxeito político con voz de seu.
A construción nacional que defendemos implica tamén o reforzo do poder popular en todos os ámbitos, favorecendo desde as institucións a autoorganización social e favorecendo o fortalecemento do tecido asociativo. Entre outras cousas, porque un pobo organizado e mobilizado será a mellor garantía de podermos avanzar desde as institucións e derrotar as elites que pretenderán frear as mudanzas.
Avanzar cara á soberanía
Sen renunciar a calquera avance inmediato que se poida conseguir (comezando polo cumprimento da lexislación vixente), un goberno autonómico de dirección soberanista non pode desaproveitar esa posición para avanzar no horizonte de plena liberdade do noso pobo. O programa recolle loxicamente o exercicio da autodeterminación como eixo que fundamente o novo marco político que defendemos, algo que cómpre popularizar.
Para avanzar nese camiño será preciso evidenciar (e na medida do posíbel, forzar) os límites das institucións autonómicas, explicando honestamente que mudanzas son posíbeis aquí e agora e cales non, aproveitando iso para facer pedagoxía soberanista entre o noso pobo. Pór de manifesto en todo momento os condicionamentos impostos polas institucións que hoxe definen a vida do noso pobo no fundamental (Estado Español e UE), será o mellor camiño para facer aumentar entre a sociedade a vontade de rachar con esas imposicións.
Se ben non existe aínda no noso país unha maioría social que sustente un proxecto de ruptura democrática co estado español, pór as institucións ao servizo dese proxecto axudará a seguirmos avanzando nesa correlación de forzas, transformando o apoio electoral en apoio político real. Para iso, cómpre visibilizar en todo momento o noso conflito nacional e non o contrario. Aínda que pareza paradoxal (e sabemos que iso non estará exento de contradicións na práctica concreta), a xestión da autonomía debe permitirnos avanzar cara á superación do autonomismo.
Do mesmo xeito que os elementos dos que falabamos no apartado anterior, o proxecto soberanista emancipador que defendemos no camiño da República Galega debemos construilo vinculándoo activamente á transformación social: á construción dun país e dun mundo diferentes, sen explotación nin opresión.
O 18 de febreiro podemos dar un paso máis nese camiño, e chamamos a todo o pobo a acompañarnos nese empeño co seu voto, mais sobre todo coa súa implicación activa na militancia, a loita e a organización consciente, as únicas que poderán transformar realmente o presente e abrir paso a un futuro digno.