Desde o Movemento Arredista queremos manifestar o noso profundo pesar polo falecemento de Antolín Alcántara, unha das grandes referencias do nacionalismo galego e un militante exemplar que consagrou toda a súa vida á defensa da clase obreira, da xustiza social e da liberación nacional da Galiza. Alén de polo seu labor sindicalista e para co movemento soberanista galego, sempre o lembraremos por colaborar na construción do noso espazo político desde o Movemento Galego ao Socialismo. A súa vida deixa unha pegada para sempre no movemento obreiro galego e na memoria colectiva de todas as que compartimos con el loitas e vivencias, tanto as compañeiras que partillamos loitas sindicais con el como as novas xeracións que nos formamos politicamente co seu exemplo e compromiso.
Ligado desde moi novo ás loitas obreiras, especialmente no metal, Antolín estivo sempre na primeira liña dos conflitos laborais, defendendo con firmeza os dereitos da clase traballadora, a negociación colectiva e a necesidade da organización e da loita fronte á explotación capitalista desde a CIG que axudou a construír, dirixir, e converter no primeiro sindicato da Galiza.
Natural de Moaña, entrou no mundo laboral sendo case un rapaz e axiña tomou conciencia da explotación de clase que marcaría para sempre o seu compromiso político e sindical. Desde entón, desenvolveu unha vida enteira de entrega á causa de Galiza e do socialismo, sempre desde a honestidade, a solidariedade e a defensa do papel protagónico das traballadoras.
Alén do Antolín nacionalista e revolucionario, o compañeiro destacou sempre pola súa enorme calidade humana, pola súa capacidade para transmitir conciencia e dignidade e polo seu compromiso inquebrantábel con todas as causas xustas.
Xa nos últimos tempos da súa vida quixo deixar patente no libro En memoria da nosa infancia o seu berro contra a apatía e o individualismo, resaltando as experiencias da pobreza, a represión e a emigración e traendo para a frente os valores da amizade e a solidariedade que marcaron a súa vida de loita.
O exemplo do camarada Antolín, a súa militancia e a súa firmeza nos principios e na acción será sempre referente e inspiración para todas aquelas persoas que continuamos andando o difícil camiño cara a unha Galiza independente e socialista.
Deixamos aquí un artigo elaborado por Antolín Alcántara no Arredista nº3






