Fronte ao desfile do exército español en Vigo deste Sábado 30 de Maio, desde o Movemento Arredista adherimos á manifestación nacional convocada pola plataforma Galiza pola paz, en rexeitamento de dito acto de exhibición do militarismo españolista por parte das forzas de ocupación, que tamén fica encadrado dentro da escalada bélica promovida polo bloque imperialista. Unha escalada, na que a UE e o Estado español, como parte de dito bloque, adhiren e promoven de forma activa, co aumento descarado do gasto militar en detrimento dos servizos públicos e os dereitos das clases populares, co avance das tendencias máis reaccionarias, nunha dinámica ligada á militarización da sociedade, na que se impón un discurso sobre unha suposta “ameaza externa” coa que se pretende disciplinar á poboación e situala á zaga da axenda do capital imperialista, acalando e avanzando na represión contra os sectores antiimperialistas.
No caso do Estado español, estas dinámicas acontecen co PSOE e o seu suposto “goberno progresista”, onde cunha man din defender o “non á guerra” e instrumentalizan a cuestión palestina, mais en verdade fano para lexitimar a escalada belicista que promoven na práctica coa súa política, nomeadamente para a guerra contra Rusia. Nese sentido, como sinalamos sempre desde o Movemento Arredista, non debemos caer na trampa do “mal menor”, senón evidenciar o rol do PSOE como piar fundamental do réxime español e o capital imperialista, por que aínda que as políticas da dereita e a ultradereita sexan aínda piores, a socialdemocracia executa políticas propias destas opcións políticas e contribúe para o seu avance. Pola nosa banda, no contexto galego, o noso encadramento dentro da dinámica belicista mencionada está tamén determinada por sermos unha nación asoballada, por un deseño imposto por España.e a UE que impide producirmos de forma autocentrada en función das nosas necesidades como pobo, ficando ademais o noso país como territorio de sacrificio no que os nosos recursos son espoliados para favorecer ese proceso de militarización socioeconómica.
Diante deste contexto, este desfile das forzas de ocupación en Vigo simboliza a ligazón entre o chouvinismo españolista contra as nacións asoballadas como a nosa no seo deste Estado, co papel externo que ten o Estado español como parte do bloque imperialista e da escalada belicista que está a promover. Nese sentido, cómpre termos claros os inimigos principais a combater, isto é, España e o imperialismo. Por unha banda, o Estado español como garante da opresión no noso marco concreto, sendo a loita de liberación nacional a vía para atacalo e derrubalo. Por outra banda, o sistema imperialista, baseado no parasitismo e a transferencia de valor desde a grande maioría de países e pobos do mundo cara o centro imperialista, sendo o principal sostén da hexemonía do capital a nivel mundial.
Esa claridade nos inimigos a combater, é a base para avanzarmos con paso firme na loita por unha República galega independente fóra da UE e a OTAN, como vía para a construción do socialismo no noso país. Esta base é a que debemos profundizar e desenvolver, traballando en dous ámbitos non excluíntes, mais precisamente interligados entre si, como é a defensa da independencia de clase e a articulación de cadros en chave comunista e arredista, xunto co traballo de articulación de sectores máis amplos da man do movemento soberanista e antiimperialista do país.
O traballo mobilizador das plataformas e expresións de masas dese movemento máis amplo, en oposición á axenda do bloque imperialista e o Estado español como parte do mesmo, denunciando as expresións de chouvinismo españolista, a militarización da sociedade, así como a escalada bélica en curso e súas repercusións negativas tanto inmediatas como futuras para o noso país e o pobo traballador galego, pode servir de porta de entrada para que sectores máis amplos avancen na súa tomada de consciencia. A este respecto, o nacionalismo galego organiza pobo sobre a base da contradición nacional e mantén un digno perfil antiimperialista. Un perfil que non é común noutras “esquerdas” no contexto estatal e europeo, mais que cómpre defender e afondar para contribuír á clarificación da folla de ruta deste movemento sociopolítico en chave de confronto e ruptura co Estado español e o capital imperialista, fronte ás derivas inmediatistas, electoralistas e institucionalistas. Neste contexto de crise capitalista e escalada bélica do bloque imperialista, existe unha marxe aínda menor para unha política que sitúe o estratéxico nun plano meramente secundario.
Do mesmo xeito, cómpre un desenvolvemento ideolóxico máis profundo desde os parámetros do socialismo científico, clarificando os fundamentos do imperialismo e as súas implicacións na acción política, como base para axudar á articulación de cadros comunistas e independentistas. Ese desenvolvemento é preciso xa que non chega coa simple apelación aos intereses espontáneos da nosa clase ou coa defensa dun pacifismo abstracto diante dos conflitos internacionais, nomeadamente nun contexto como o noso, en tanto que periferia do centro imperialista, no que ao mesmo tempo que somos unha nación asoballada polo Estado español, tamén facemos parte do Norte Global e as súas dinámicas, onde as condicións relativamente máis avantaxadas en base á explotación do resto do mundo, favorecen o reforzo da ideoloxía dominante.
Polo tanto, cómpre sistematizarmos a bagaxe histórica do imperialismo como base para comprendermos as condicións para a súa superación, a relación entre a crise capitalista, a escalada bélica e as potencialidades revolucionarias, enfrontarmos as distorsións ideolóxicas arredor do imperialismo e a súa configuración que son perxudiciais para a nosa loita, caracterizarmos axeitadamente a escalada bélica en curso, así como as crecentes resistencias e cuestionamentos ao bloque imperialista, do que debemos defender a súa derrota e a vitoria das forzas que lle fan fronte. Mais particularmente, para unha definición máis completa das nosas tarefas políticas, o lugar que ocupamos desde a Galiza dentro dese cadro global, para avanzarmos na nosa loita de liberación nacional, vencellada ao desenvolvemento das loitas antiimperialistas no Sul Global.
En definitiva, debemos usar as ferramentas ao noso dispor para avanzarmos no confronto contra os nosos inimigos a combater, traballando desde o noso marco de actuación para que non sexa unha plataforma segura para o imperialismo na súa escalada belicista, incidindo na contradición nacional como catalizador no caso galego.



