Comunicado conxunto das organizacións multadas por colocar postos de material na Alameda de Compostela o Día da Patria.

O Concello de Compostela e o Ministerio do Interior aumentan a censura e a presión policial no 25 Xullo, Día da Patria Galega, contra colectivos sociais e políticos

COMPOSTELA, 28 DE SETEMBRO DE 2022.

O 25 de Xullo de 2022 , o Concello de Compostela enviou varias patrullas da Policía Local ao Paseo da Alameda con instrucións de comprobar se os postos de distribución de material e literatura política instalados como cada ano  por colectivos do movemento social galego contaban con autorización municipal de venda ambulante. Caso estes carecesen de autorización, os axentes municipais deberían instar os diferentes colectivos a retiraren as súas mesas sob ameaza de multa administrativa. 

A distribución de material político o 25 de xullo no Paseo da Alameda de Compostela é unha actividade con décadas de historia e, até este ano,  ningunha corporación municipal -fose cal fose a súa orientación política- puxera obstáculos ao seu desenvolvemento nin esixira autorización de ningún tipo.

Como os colectivos que xa instalaran as súas mesas no Paseo mostraron a súa sorpresa ante o requerimento dos policías municipais e se negaron a retirar o material alegando precisamente esta longa tradición, os axentes identificaron as persoas que consideraron responsábeis ao mesmo tempo que advertían que o xesto sería considerado “desobediencia á autoridade”. 

Aquela ameaza da Policía Local materialízase agora en forma de elevadas multas impostas polo Ministerio de Interior ao abrigo da Lei de Seguranza Cidadá (Lei Mordaza). Unha lei que o PSOE, partido do  Alcalde de Compostela, Sánchez Bugallo, e do Delegado do Goberno, Miñones Conde, criticou en numerosas ocasións mais non derrogou apesares da propaganda e das falsas promesas feitas en campaña electoral.

Pois ben, a esta perigosa deriva veu sumarse tamén o Concello de Compostela abrindo expedientes sancionadores pola instalacións de postos de distribución de material políticos utilizando as potestades administrativas municipais con fins partidarios e represivos.

Temos á fronte portanto non só a batalla xurídica para invalidar estas sancións inxustas de manifesto viés ideolóxico, senón tamén a batalla política por denunciar diante do pobo galego a constante censura que sofren os movimentos sociais da Galiza. Unha censura das institucións do Réxime Español que debe ser publicamente denunciada por cualquer organización democrática da Galiza.

Historia e dereitos fundamentais

A gravidade dos feitos é obvia, quer do punto de vista histórico, quer do punto de vista dos dereitos fundamentais. Do punto de vista histórico , porque corporacións anteriores, de ben probada índole reaccionaria e represiva, non se atreveron ao que se atreve Sánchez Bugallo.

E do punto de vista dos dereitos fundamentais porque a actividade destes colectivos intégrase naturalmente nos eventos que celebran o Día da Patria e estes eventos teñen o seu punto de referencia precisamente neste lugar simbólico de Compostela. Trátase dunha actividade de carácter inequivocamente pacífico que en nada perturba a vida da cidade, embora disinta, preciso é recoñecelo, do discurso que para Galiza e Compostela deseña e aplica o partido do Alcalde Bugallo.

Aliás, tampouco debemos esquecer que este Alcalde é o mesmo que outorga facilidades máximas a organizacións relixiosas para a celebración de eventos que, eses si, causan molestias evidentes aos veciños e veciñas de Compostela. Organizacións recibidas pola Corporación Municipal con todo tipo facilidades, sen patrullas nin sancións, ás que se permite desfilar cantando por Compostela con cruces e Aguias de San Xoan,  celebrar os seus actos comodamente nunha Praza do Obradoiro previamente fechada aos viandantes, ou privatizar lugares de estacionamento públicos para os seus vehículos privados.

Unha deriva perigosa

Sabíamos xa que o goberno do rexime español non ve con simpatía o movemento nacional e social galego e, por se houbese aínda dúbidas, este ano tivemos ocasión de  comprobar como,  lonxe de atenuarse, a presión das forzas represivas sobre as diferentes expresións políticas do Día da Patria experimentou un importante endurecemento: maior presenza e control das manifestacións, intentos de impedir o exercicio do dereito á información, comportamentos intimidatorios de axentes policiais, interceptación e identificación de persoas por perfil ideolóxico, etc.

Todo isto apenas uns días despois de aprobar a chamada Lei Integral para a Igualdade de Trato e Non Discriminación que, no seu artigo 18, pretende consagrar a non discriminación nas intervencións policiais. Papel mollado ao fin, xa que esta consagración é imposíbel de cumprir para un Estado que por natureza reprime e sanciona cualquer expresión política que non sexa afín ao réxime.

Comparte:

As últimas entradas

XVIII Asemblea Nacional BNG

O BNG en Movemento, unha aposta pola soberanía e a xustiza social

Dende o Movemento Arredista impulsamos a candidatura O BNG en Movemento na XVIII Asemblea Nacional do BNG convencidas de que a pluralidade e do frontismo son un valor central na construción dunha fronte patriótica forte. A nosa vontade foi a de achegar debates e propostas dar á militancia a posibilidade de escoller esta opción para

O BNG en Movemento, unha aposta para a XVIII desde o Movemento Arredista

O Movemento Arredista é unha organización estratéxica con vocación revolucionaria, centrada na construción do poder popular para a consecución da independencia nacional e o socialismo. Acreditamos no BNG como a fronte patriótica de liberación nacional a través da cal facer chegar as nosas posturas ao conxunto das clases populares galegas. Recoñecemos o colonialismo español, indisociábel

COMUNICADO – Impulsamos a Candidatura O BNG en Movemento á XVIII Asemblea do Nacional do BNG, encabezada por Noa Presas.

O  BNG en Movemento:  máis organización, máis debate, máis pluralismo, máis esquerda, máis soberanismo A militancia do Movemento Arredista vimos de decidir impulsar unha candidatura ao Consello Nacional do BNG participada tamén por persoas independentes e encabezada por Noa Presas, membro da Executiva Nacional e deputada no Parlamento Galego. Antes de explicar as razóns que