COMUNICADO – Impulsamos a Candidatura O BNG en Movemento á XVIII Asemblea do Nacional do BNG, encabezada por Noa Presas.

O  BNG en Movemento: 

máis organización, máis debate, máis pluralismo, máis esquerda, máis soberanismo

A militancia do Movemento Arredista vimos de decidir impulsar unha candidatura ao Consello Nacional do BNG participada tamén por persoas independentes e encabezada por Noa Presas, membro da Executiva Nacional e deputada no Parlamento Galego. Antes de explicar as razóns que nos levaron a optar por esta alternativa, queremos resaltar que se trata dunha acción que se enmarca dentro da normalidade dunha organización frontista, que recoñece o pluralismo político como un dos seus principios e fortalezas organizativos, como é o caso do BNG. 

Na anterior asemblea nacional o Movemento Arredista participou dunha candidatura unitaria impulsada polas agrupacións que conforman o que podemos denominar maioría dirixente dentro do BNG. Esta foi a posición do noso espazo político no ciclo aberto despois de Amio. Ao longo deste tempo, consideramos que esa solución era a máis apropiada para trasladarlle á militancia da fronte patriótica a nosa aposta pola unidade das distintas forzas que participamos desa fronte, nun momento en que o BNG debía superar un ciclo político turbulento en que tivemos que afrontar colectivamente situacións moi comprometedoras para o conxunto do nacionalismo galego, no que se cuestionou mesmo a necesidade da súa existencia e do principio elemental de autoorganización. 

Con humildade mais tamén con orgullo, cremos ter contribuído en positivo ao proceso de clarificación ideolóxica, aos intentos de reforzo organizativo, á cohesión interna e á recuperación e superación electoral da fronte patriótica, traballando sempre desde a lealdade e a xenerosidade. Ante este novo ciclo organizativo, mais tamén político, a nosa vontade foi seguir este camiño, e que a dirección se mantivese na pluralidade para así poder acertar. Lamentamos que a falta de vontade das correntes maioritarias non sexa suficiente para que esa pluralidade se conforme de raíz nunha mesma candidatura, nun momento ademais de ampliación de espazos e necesidades de traballo derivados do avance electoral e das inmensas necesidades no traballo social e de base, no que todas somos necesarias. 

Hoxe queremos reafirmar a nosa aposta leal e honesta polo traballo dentro da casa común do nacionalismo galego, o BNG, á que seguiremos contribuíndo desde a representación que nos dea a candidatura que impulsamos.

Con todo, durante este tempo puidemos certificar numerosas diferenzas entre as nosas posicións organizativas e tácticas, por unha banda, e as posicións da liña oficialista, pola outra banda. A meirande parte desas diferenzas ten que ver con cuestións como non abandonar o discurso soberanista, unha maior aposta polo debate e a formación interna, o impulso da mobilización social, a articulación dunha axenda feminista galega forte, o compromiso cun municipalismo transformador, un aliñamento máis claro na defensa dos intereses da clase traballadora e a posición do BNG ante os incumprimentos do PSOE. Entendemos que xerar consensos arredor destas cuestións é fundamental para o futuro do BNG, pois foi esa capacidade de mantérmonos fieis aos principios e teses políticas da Fronte a base da nosa resiliencia e recuperación malia os cantos de serea de forzas políticas de obediencia estatal e embates mediáticos contra as forzas soberanistas. Fortalecer a confianza na base militante e posicionarmos sen complexos contribuíu tamén a que máis persoas confiasen en nós, incrementando a afiliación e tamén o respaldo electoral. Ese debe ser o camiño a reforzar.

Nós temos expresado tales diferenzas nos órganos internos e tamén publicamente, sempre desde a nosa lealdade coa fronte e dentro do marco estabelecido nos principios organizativos do BNG. Para nós, non hai mellor forma de concibir a lealdade á fronte que expresando construtivamente as nosas discrepancias, mantendo así vivo o clima de debate que debe imperar en toda organización transformadora. Os máis de 40 anos de historia da fronte patriótica demostran que foi sempre a posta en común, e non o bo momento electoral, o que nos fortalece e o que nos fai unha ferramenta útil para o pobo galego. Cometeremos un erro histórico se secundarizamos esta cuestión e ignoramos a necesidade de abordar aquelas dinámicas organizativas e contradicións políticas que erosionan a cohesión no lugar de traballar os grandes consensos.

Máis recentemente, durante este período de preparación da Asemblea Nacional, a militancia do Movemento Arredista implicouse na redacción e debate dos textos políticos e organizativos propostos polo Consello Nacional e animou a toda a militancia do BNG a intervir dos debates. E é a causa deste compromiso coa saúde democrática da fronte que tomamos a decisión de presentar unha candidatura propia ao Consello Nacional. É o noso desexo que esta decisión sirva para que a militancia do BNG poida escoller con plena liberdade a representatividade dos órganos e, de paso, poidamos contrastar as nosas propostas con maior claridade, contribuíndo así a un maior intercambio de ideas dentro da organización.

Podes ver toda a información da candidatura aquí.

Comparte:

As últimas entradas

25X | Acumularmos forzas pola independencia

O conflito nacional galego é un proceso histórico que leva máis dun século acumulando ideas, experiencias e forzas para superar a contradición nacional, a contradición principal que se dá na Galiza e que está atravesada polo antagonismo de clases de forma indisolúbel. Desde a Revolución de 1846, influída polo socialismo utópico da altura, até a

Avanzarmos no confronto contra España e o imperialismo

Fronte ao desfile do exército español en Vigo deste Sábado 30 de Maio, desde o Movemento Arredista adherimos á manifestación nacional convocada pola plataforma Galiza pola paz, en rexeitamento de dito acto de exhibición do militarismo españolista por parte das forzas de ocupación, que tamén fica encadrado dentro da escalada bélica promovida polo bloque imperialista.

Até sempre, camarada Antolín

Desde o Movemento Arredista queremos manifestar o noso profundo pesar polo falecemento de Antolín Alcántara, unha das grandes referencias do  nacionalismo galego e un militante exemplar que consagrou toda a súa vida á defensa da clase obreira, da xustiza social e da liberación nacional da Galiza. Alén de polo seu labor sindicalista e para co

17M | Independência nacional para umha língua plena

A fenda linguística que sofremos, com a perda constante de espaços de uso e de novos falantes, é consequência direta da nossa falta de soberania. O galego leva décadas resistindo num marco estatal que o condena à subordinaçom permanente. O autonomismo demonstrou ser um instrumento de castelhanizaçom desde os seus inícios, o que supujo ter