Os prezos soben | Os ricos lúcranse | O pobo empobrécese
O capitalismo é crise
Os prezos soben
A acelerada suba de prezos nos últimos tempos -visíbel en todos os ámbitos- debuxa unha situación de cada vez máis dificultade e empobrecemento para as clases populares.
Os ricos lúcranse
Mentres tanto, os grandes capitalistas seguen a ver como aumentan os seus lucros sen límite, aproveitándose novamente dunha crise que axudaron a provocar.
O pobo empobrécese
Cómpren medidas urxentes, audaces e valentes: control e limitación de prezos, maior intervención pública, enfrentamento dos grupos económicos, aumento salarial…
PROPOSTAS INMEDIATAS
CÓMPREN MEDIDAS URXENTES
CÓMPREN MEDIDAS URXENTES
cómpren medidas Urxentes
Limitación dos prezos xa!
Os prezos da luz, do gas, dos carburantes, dos alimentos ou da vivenda seguen a subir, empobrecéndonos día a día.
O goberno español e a Unión Europea antepoñen a “liberdade” do mercado á vida das persoas, e néganse a regular por lei os prezos porque iso limitaría os lucros dos grandes grupos económicos aos que serven.
Cómpre limitar os prezos, combater a especulación e atacar as marxes de beneficio dos grandes capitalistas para poder frear e reverter este saqueo.
Os bens básicos non poden ser un negocio
Intervención pública na economía!
O capital lúcrase co acceso a bens e servizos básicos para a vida como a alimentación, a enerxía, a vivenda, a auga ou as telecomunicacións, privilexiando o seu negocio frente ao aceso universal da poboación.
Cómpre que as institucións recuperen para o público os sectores privatizados e que asuman a súa responsabilidade á hora de garantir unha vida digna para todas, que non nos deixe á mercé dos intereses do mercado.
Por únha política fiscal xusta para combater a crise
Que a suba de prezos a paguen os ricos
Esta crise está a supor novamente unha brutal transferencia de renda das clases populares para o capital.
Cómpre reverter esa tendencia con medidas fiscais que pola vía de novos impostos e a modificación dos mecanismos actuais (que facilitan a evasión de impostos dos que máis teñen) ataquen os obscenos lucros das empresas, garantindo para o público os ingresos necesarios para facer frente a esta situación de emerxencia social.
A suba dos prezos empobrécenos cada día
Aumento real dos salarios, pensións e prestacións sociais
Nun momento como este é máis urxente que nunca reverter as reformas laborais e de pensións das últimas décadas, que disminuiron progresivamente as rendas do traballo frente ás do capital.
Tamén é urxente vincular todos os salarios, pensións e prestacións a, como mínimo, o aumento dos prezos para garantir que non nos empobrezamos ainda máis.
Chega de alimentar a guerra mentres o pobo se empobrece
Redución dos gastos militares
Os mesmos que negan recursos para paliar a crise que estamos a sofrer seguen a gastar miles de millóns en armamento e a incrementar máis que nunca o gasto militar.
Ao mesmo tempo, comprobamos que medidas que sempre se nos venden como imposíbeis, como as expropiacións de bens, activos e empresas, pasan a ser facilmente factíbeis cando se trata de intervir nos conflitos imperialistas.
Nunha situación como esta é ainda máis inadmisíbel seguir a alimentar a maquinaria bélica do imperialismo en lugar de apostar pola paz e a saída negociada dos conflitos, redirixindo os gastos militares para necesidades sociais.
PROPOSTAS ESTRATÉXICAS
RACHEMOS COAS IMPOSICIÓNS DO SISTEMA
RACHEMOS COAS IMPOSICIÓNS DO SISTEMA
Queremos decidir nós sobre a nosa economía e recursos
Precisamos soberanía para enfrontar a crise
Galiza non conta con ferramentas reais para deseñar unha política económica ao servizo da maioría social. Madrid e Bruxelas dictan os límites do que é posíbel, sempre dentro das estreitas marxes da orde neoliberal deseñada pola oligarquía.
Se non conquistamos um marco político plenamente soberano, calquer lexislación avanzada aprobada no ámbito galego será tumbada polos tribunais españois ou vetada polas institucións alleas que hoxe deciden por nós.
A institucións europeas están ao servizo do grande capital
Desobedecer os ditados neoliberais
Como se comprobou hai uns anos en Grecia, calquer intento de mudanza das principais liñas económicas no marco da UE e o Euro estará sometido ás presións e chantaxes dunhas institucións continentais surxidas ao servizo do gran capital.
Calquer mudanza do rumo económico que saia da ortodoxia neoliberal debe contemplar un plan definido para confrontar e desobedecer as imposicións da UE, que aproveita o control da política monetaria para impor as súas políticas contra o pobo.
Para facer políticas sociais, precisamos saír do ciclo dunha débeda impagábel
Cuestionemos o pagamento da débeda ilexítima
A débeda pública foi xerada na súa maior parte en función dos intereses das grandes empresas e non dos pobos, e é hoxe un dos principais condicionantes que impiden facer políticas en favor da maioría.
É utilizada para impor políticas de contención de gasto, privilexiando o seu pagamento frente á satisfación das necesidades sociais, como se constatou coa última reforma constitucional.
É urxente cuestionar a súa lexitimidade e sair do círculo vicioso que nos impón o pagamento desta débeda inxusta.
O réxime español do 78 está construido á medida da oligarquía que nos explota
Ruptura democrática Proceso constituínte
Sen superalo, non é posíbel construírmos unha sociedade diferente
Cando falamos do necesario reparto da riqueza, da democratización da economía ou dunha mudanza radical de políticas en favor do ben común, somos conscientes de que nada diso é concretizábel sen racharmos de vez co actual réxime político surxido da “transición”.
Iso pasa por seguir a acumular forzas contra os cadeados que nos impoñen, por unha ruptura democrática co Estado Español e a Unión Europea, cos réximes e institucións que que foron creados para perpetuar o actual modelo de espolio dos pobos e que non son reformábeis.
Só así poderemos abrir camiño a un Proceso Constituínte no que crear institucións realmente democráticas ao servizo da maioría social.