Debater, organizar e mobilizar para afortalar o soberanismo

Pensamos que neste momento é fundamental parar e facermos un diagnóstico sobre as prioridades e debates que será necesario abordar nos próximos tempos se queremos avanzar con garantías como movemento político.

Publicado no En Movemento nº1 – Voceiro Nacional do Movemento Arredista.

A pandemia e as restricións derivadas dela limitaron os espazos de encontro, reflexión e posta en común. Este escenario agravou unha situación en que o debate colectivo xa estaba perdendo cada vez máis protagonismo nas organizacións sociais e políticas do país, no marco dunha progresiva desmobilización que dificultaba a capacidade de análise e resposta colectiva.

Pensamos que neste momento, con todos os retos que ten o soberanismo por diante nos próximos meses e anos, é fundamental parar e facermos un diagnóstico sobre as prioridades e debates que será necesario abordar nos próximos tempos se queremos avanzar con garantías como movemento político ao servizo da emancipación do noso pobo.

Priorizarmos a acción social e o traballo de base

Debemos parabenizarnos polos avances electorais do nacionalismo galego nos últimos tempos, que foron quen de reverter en pouco tempo unha situación certamente complicada. Porén, eses avances en votos, en simpatía popular e mesmo en afiliación están lonxe aínda de concretarse a nivel social e de organización popular. Por iso, esa debe ser a prioridade nesta fase: fortalecer socialmente o avance do soberanismo, crear tecido organizado en todos os campos e mobilizar as capas máis conscientes da sociedade en chave soberanista e de ruptura democrática.

Precisaremos de toda a forza social posíbel para impulsar transformacións reais, tamén no institucional, e acelerar as demandas nacionais da Galiza. Só da man de toda esa forza seremos quen de situar o soberanismo como síntese de todos os avances sociais que se poden acadar coa superación deste réxime.

É preciso adicar máis recursos e forzas militantes ao traballo social, o único que garante transformacións sociais reais e con raíces sólidas. Mesmo se for preciso retraéndoos do electoral/institucional, invertendo as prioridades que moitas veces nos dificultan planificar traballo. A estratexia Avanza Galiza, aprobada colectivamente pola militancia do BNG, apunta moitas chaves de por onde camiñar.

O fortalecemento dun movemento popular soberanista arredor de ferramentas como Vía Galega, o impulso de centros sociais ou o impulso e reforzo de movementos sociais autocentrados e con dinámicas nacionais en todos os ámbitos, son un traballo que probabelmente non dará réditos inmediatos, mais que é imprescindíbel se queremos construír a liberdade deste pobo sobre bases firmes.

Definirmos unha liña política clara e coherente

Nos últimos anos, o BNG deu pasos firmes na clarificación da súa liña política e do seu horizonte estratéxico, demostrando que defender a autoorganización, fuxir de vías posibilistas e da homologación ás forzas tradicionais era compatíbel coa recuperación de apoio social e mesmo co avance electoral.

Aínda fican novos pasos por dar, como a consecuente asunción dun horizonte abertamente independentista, o único posíbel no marco dun Estado que xa temos definido colectivamente como irreformábel. Porén, as principais limitacións agora mesmo están na correspondencia entre os obxectivos estratéxicos e a táctica inmediata, tanto no discurso do día a día como na práctica política que desenvolvemos. Para iso cómpre potenciarmos a formación, o debate e a reflexión colectiva, garantindo que os pasos que damos hoxe, tanto a nivel social como institucional, permiten avanzar cara ao horizonte que arelamos, máis alá da enunciación nos documentos ou nas datas sinaladas.

Precisamos para iso reconstruír unha cultura política que mediante o debate político e o intercambio de ideas dea resposta ás demandas inmediatas do pobo, mais non perda a perspectiva de incardinalas nunha folla de ruta máis ampla e ambiciosa que debe estar presente no día a día.

A última Asemblea Nacional do BNG aprobou impulsar unha alternativa propia coa que o soberanismo galego debería intervir con voz e propostas propias no recorrente debate sobre o marco xurídico-político da nosa nación. Así naceron as Bases Democráticas, unha proposta fundamentada no dereito a decidir do noso pobo. É necesario ratificar esta aposta e avanzar na popularización desta vía, superando ambigüidades que poidan confundir ao colocar unha eventual reforma estatutaria como aspiración da Fronte. Aspiramos a unha Galiza sen límites, con plena soberanía.

Compre dar resposta ás demandas inmediatas do pobo, mais non perder a perspectiva de incardinalas nunha folla de ruta máis ampla e ambiciosa

Cremos que tamén cómpre seguir a clarificar colectivamente outro debate central da nosa acción política: a quen nos diriximos e quen son as destinatarias do noso proxecto político. Determinadas confusións arredor do que se entende por interclasismo poden levar a erros evidentes, como pensar que un proxecto antioligárquico como o da esquerda soberanista galega pode ter nalgún momento coincidencia de intereses coa grande burguesía do país. Evidentemente non é certo, e independentemente de que sectores da pequena burguesía poidan sentirse interpelados polo proceso de liberación nacional, debemos ter claro a quen nos diriximos e quen será o motor da nosa emancipación como pobo: a inmensa maioría que vive do seu traballo. A mesma á que o sistema intentará impor os retrocesos sociais que Estado e UE xa están a aplicar coa escusa da COVID-19. Este recrudecemento das consecuencias do capitalismo require de mensaxes e alternativas que nos coloquen como a ferramenta que precisa esa maioría social.

Os retos son moitos e tamén o son as respostas que debemos definir. A única garantía de acertarmos será que as construamos colectivamente, facendo partícipe á militancia e base social nacionalista da definición de alternativas en todos os ámbitos. Unha das prioridades é dar un fondo debate sobre as alternativas á crise climática que se presenta como o maior reto que afrontará a humanidade nas vindeiras décadas. Como encaixar neste escenario a imprescindíbel defensa do territorio coa necesaria planificación dos modelos enerxético, alimentar ou industrial nunha Galiza sometida a unha ofensiva colonial pola extracción dos seus recursos naturais. Un debate que necesariamente debe incluír a defensa das traballadoras e de cambios e transformacións nos actuais modelos.

Neste momento histórico o soberanismo precisa dun espazo de interlocución das organizacións políticas, sindicais e sociais en que, en pé de igualdade, tracemos unha estratexia conxunta que nos permita avanzar colectivamente, cada quen desde o seu ámbito de intervención. Un espazo de confianza política no que os disensos e consensos se acepten como parte da lóxica pluralidade de axentes que comparten un obxectivo común nas diversas formas de intervir para conseguilo. Ese espazo debe ter mirada longa, vocación estratéxica e capacidade de definir follas de ruta e transcender as dinámicas nas que o urxente impide falar do importante.

Debemos ter claro a quen nos diriximos e quen será o motor da nosa emancipación como pobo: a inmensa maioría que vive do seu traballo

Actuarmos nas institucións con vocación transformadora

Co BNG situado claramente como segunda forza electoral do país e referencia da oposición ao PP, cómpre avaliar colectivamente a nova situación e as perspectivas que se abren, coa posibilidade de mesmo poder liderar por primeira vez na historia o goberno autonómico. Ese horizonte debe facernos, partindo das experiencias e aprendizaxes -positivas e negativas- acumuladas, definir claramente que papel xogaría a presenza do BNG no Goberno da Xunta para o a avance da construción nacional. Desde a consciencia das limitacións dun marco político cada vez máis restrinxido, debemos saber cal é a mellor maneira de evidenciar eses límites e avanzar para trascendelos, fuxindo de todo conformismo perpetuador do actual statu quo.

Igualmente, a perspectiva dun avance nas eleccións municipais e a posibilidade de acceder a máis gobernos nos concellos require un debate que teña en conta as experiencia acumulada, para definir que obxectivos mínimos nos marcamos e como aproveitamos iso, non só para xestionar mellor, senón sobretodo para facer avanzar socialmente o noso proxecto político.

Existen diferentes experiencias transformadoras en gobernos nacionalistas ao longo do país e cómpre que estas deixen de ser iniciativas locais para converterse en liñas nacionais de actuación que definan a presenza do BNG en todos os gobernos municipais. Experiencias de participación, de recuperación de servizos para mans públicas ou de colocación dos recursos ao servizo do pobo teñen que ser a axenda central do BNG nos gobernos. 

A XVII Asemblea Nacional do BNG será un punto de inflexión importante nestes debates. A pandemia impediu durante ano e medio celebrar asembleas presenciais e dar debates que serán chaves neste proceso asemblear. Por tanto, cómpre revitalizar a organización e aproveitar a nova fase para afondar nos mecanismos de participación e elaboración colectiva que nos permitan afrontar con máis forza os retos que temos por diante.

O BNG afronta esta Asemblea nun momento de recuperación logo de anos de grande esforzo por parte da súa militancia, que mesmo conseguiu saldar a débeda da organización. Agora cómpre aproveitar a dinámica favorábel para avaliar e rectificar erros, marcar obxectivos para a nova fase e seguir sumando militancia e forza social en chave soberanista para avanzar cara á ruptura democrática que abra camiño á nosa República.

Comparte:

Share on facebook
Share on twitter
Share on whatsapp
Share on telegram

As últimas entradas

Por dignidade e coherencia, non debemos apoiar un novo goberno do PSOE

Para comezar sequera a falar de novos acordos ou posíbeis apoios a un goberno estatal, o mínimo esixíbel -por unha cuestión de dignidade política non só como organización senón como pobo- sería o cumprimento íntegro do xa asinado no seu día e a reversión dos recortes, medidas antipopulares ou retrocesos da última lexislatura. 

Sobre a situación en Palestina

O Movemento Arredista, fiel aos seus principios de solidariedade internacionalista e loita contra toda forma de opresión, desexa expresar a súa posición fronte aos acontecementos recentes en Palestina. Historia e contexto: Non se pode comprender a situación actual sen recoñecer a historia de desprazamento e opresión que sufre o pobo palestino desde hai máis de

[Dia da Patria 2023] Ergamos as nosas bandeiras

Este Día da Patria celébrase nunha conxuntura marcada por un contexto económico cada vez máis complicado para a maioría social e polo resultado das eleccións españolas. Ambos factores, ligados entre si, debuxan un panorama difícil ante ao que deberemos saber responder como movemento político, analizándoo acaídamente e con respostas á altura das necesidades do noso