Día da Patria 2021

Crónica da participación do Movemento Arredista no Día da Patria 2021.

Na semana previa ao Día da Patria desenvolvemos unha campaña de axitación por co lema da nosa participación neste 25 de xullo: “Independencia, o único camiño”, pendurando faixas por todo o país.

Este ano o españolismo, dende o presidente da Xunta de Galiza Alberto Núñez Feijóo do PP até o presidente do goberno do Estado Pedro Sánchez do PSOE e a ministra Yolanda Díaz de UP, quixeron facer unha demostración maior do que en anos previos á pandemia militarizando Compostela, traendo o rei Felipe VI e a nivel simbólico a través do despregue da patrulla Águila a manchar o ceo cunha enorme rojigualda de fume sobre as manifestantes soberanistas.

O soberanismo respondeu con forza nun Día da Patria que recuperou parte da súa normalidade logo dun 2020 con convocatorias descentralizadas e apenas actividade política en Compostela. Dúas xornadas de reivindicación e loita, 24 e 25, que amosaron a forza da organización e o compromiso político de miles de galegas e galegos coa defensa e reivindicación da Galiza como nación.

O sábado 24 participamos na mobilización xuvenil unitaria que partiu da Alameda co lema “A República Galega e o futuro”. Dende o Movemento Arredista saudamos esta convocatoria na que desde 2003 diferentes organizacións e colectivos suman as súas forzas na defensa da independencia nacional.  

O domingo 25 participamos na manifestación nacional que cada 25 de xullo organiza o BNG. Alén de participar nas tarefas organizativas da mobilización e da presenza das estruturas do BNG e das organizacións sectoriais do campo soberanista que estiveron presentes, a nosa militancia conformou xunto con Isca unha comitiva na que participaron moitas compañeiras que, coma nós, apostan nun discurso nidiamente independentista. 

Esta manifestación masiva e combativa posíbel grazas ao traballo de centos de militantes nacionalistas de todo o país que posibilitaron e demostraron que podemos sair á rúa e reivindicar os nosos dereitos coidando da saúde colectiva e que a crise sanitaria non é incompatíbel coa mobilización política.

Antes das manifestacións do 24 e 25 instalamos na Alameda un posto co noso material. Durante as mobilizacións repartimos miles de colantes co noso lema “Independencia, o único camiño”, e o noso voceiro “En Movemento” que se pode consultar online en https://enmovemento.arredista.gal/.

Ademais, penduramos na cidade numerosas faixas e cartazes de diferentes campañas, contribuíndo así para a axitación deste dia nas rúas da capital dun pobo que mantén a súa vontade de existir e loitar.

Rematamos este Día da Patria cun xantar colectivo na Carballeira de San Lourenzo para disfrutar tamén de espazos de partilla e conversa que nos permitan reforzar o noso tecido social e construír relacións de camaradería imprescindíbeis para desenvolver a nosa acción política.

Todo este traballo foi posíbel grazas ao compromiso das nosas militantes que deron o seu tempo e esforzo para o colectivo facendo e colando faixas durante os días previos, traballando arreo o 24 e 25 para que no primeiro Día da Patria ao que asistimos como organización tivesemos capacidade de participar das diferentes mobilizacións e facernos visíbeis nas rúas de Compostela.

A todas elas grazas polo voso traballo e polo voso compromiso.

Comparte:

As últimas entradas

25X | Acumularmos forzas pola independencia

O conflito nacional galego é un proceso histórico que leva máis dun século acumulando ideas, experiencias e forzas para superar a contradición nacional, a contradición principal que se dá na Galiza e que está atravesada polo antagonismo de clases de forma indisolúbel. Desde a Revolución de 1846, influída polo socialismo utópico da altura, até a

Avanzarmos no confronto contra España e o imperialismo

Fronte ao desfile do exército español en Vigo deste Sábado 30 de Maio, desde o Movemento Arredista adherimos á manifestación nacional convocada pola plataforma Galiza pola paz, en rexeitamento de dito acto de exhibición do militarismo españolista por parte das forzas de ocupación, que tamén fica encadrado dentro da escalada bélica promovida polo bloque imperialista.

Até sempre, camarada Antolín

Desde o Movemento Arredista queremos manifestar o noso profundo pesar polo falecemento de Antolín Alcántara, unha das grandes referencias do  nacionalismo galego e un militante exemplar que consagrou toda a súa vida á defensa da clase obreira, da xustiza social e da liberación nacional da Galiza. Alén de polo seu labor sindicalista e para co

17M | Independência nacional para umha língua plena

A fenda linguística que sofremos, com a perda constante de espaços de uso e de novos falantes, é consequência direta da nossa falta de soberania. O galego leva décadas resistindo num marco estatal que o condena à subordinaçom permanente. O autonomismo demonstrou ser um instrumento de castelhanizaçom desde os seus inícios, o que supujo ter