[Dia da Patria 2023] Ergamos as nosas bandeiras

Este Día da Patria celébrase nunha conxuntura marcada por un contexto económico cada vez máis complicado para a maioría social e polo resultado das eleccións españolas. Ambos factores, ligados entre si, debuxan un panorama difícil ante ao que deberemos saber responder como movemento político, analizándoo acaídamente e con respostas á altura das necesidades do noso pobo e a nosa clase.

O avance da dereita española frente ao actual “goberno progresista”, ainda que menor do previsto -e do que foi nas eleccións de maio-, débese fundamentalmente ao empeoramento nas condicións de vida das clases populares e á falta dunha resposta á altura do mesmo. Os discursos e datos distorcidos non conseguiron ocultar o evidente: que non tiveron vontade política para facer fronte a problemas tan urxentes como a crise do aumento de prezos, especialmente visíbel nos bens de primeira necesidade como alimentación ou vivenda. Mentres as grandes empresas seguiron a multiplicar os seus lucros millonarios, só existiron medidas moi limitadas incapaces de frear a degradación de condicións de vida da maioría social e a cronificación da súa precariedade laboral e vital. E iso só pode levar á decepción, o desánimo e a desmobilización da base social e electoral que os levara ao goberno, que só se viu parcialmente compensada pola reacción ante a ameaza do acceso ao goberno da extrema dereita. Por iso, a sensación de alivio colectivo que acompaña hoxe a boa parte da poboación non nos debe facer ignorar a realidade.

Xa non se trata só que se defraudasen as esperanzas xeradas en relación a cuestións centrais do seu programa, como a prometida derrogación da Reforma Laboral (que foi mantida na súa inmensa maioría) ou da Lei Mordaza, entre outros. Ademais, aprobáronse novos recortes para as pensións futuras, mantívose a continuidade en cuestións tan relevantes como a política migratoria (con episodios criminais como o masacre de Melilla) e culminouse un xiro político infame en relación ao Sáhara Occidental. De feito, nin as máis pesimistas previsións contaban con que fose precisamente este goberno o que aumentase máis que ningun outro na historia o orzamento militar, aliñándose plenamente coa estratexia da OTAN e os EUA nunha perigosa escalada militarista.

Pola especial repercusión que está a ter no noso país, debemos destacar tamén a alfombra vermella lexislativa que este goberno estendeu ante as grandes eléctricas para avanzar na depredación eólica.

Mesmo nas materias onde si que se cumpriron parte das expectativas xeradas polo impulso mobilizador dos últimos anos, como as conquistas lexislativas en materia feminista ou LGTBI, o balance final por parte do goberno non foi demasiado alentador. Nalgúns casos boicoteáronse, ocultáronse ou negáronse a reivindicar eses avances, e no caso máis sangrante mesmo foron revertidos da man da dereita, como no caso da Lei de Garantía da Liberdade Sexual, da que se eliminou finalmente a centralidade do consentimento.

A historia demostrounos xa demasiadas veces que o fascismo medra e consolídase no caldo de cultivo xerado pola frustración e a desmobilización causadas pola esquerda cando esta defrauda a súa base social. Debemos ter iso en conta á hora de actuar ante as “alertas antifascistas” que algúns só lanzan en períodos electorais para ocultar as súas propias responsabilidades.

Independentemente do goberno que se configure finalmente, ou mesmo da posíbel repetición electoral, é evidente que a extrema dereita ocupa cada vez máis poder executivo no conxunto do Estado e espazo no discurso público (co PP asumindo xa moitos dos seus marcos). Por iso cómpre termos claro que esta frearase fundamentalmente en función do avance da loita social, creando máis organización de base, por moito que ese combate tamén deba ser levado ao campo institucional e dando se medo en todos os ámbitos a batalla ideolóxica contra as súas mentiras e  discurso de odio. 

Recuperar as nosa bandeiras para derrotar o réxime

O actual clima de decepción, dereitización xeral e desmobilización afectou por desgraza o conxunto da esquerda e dos movementos sociais, con poucas excepcións. Os motivos son variados, e entre eles podemos citar a derrota do independentismo catalán (por moito que este siga a ser considerado unha ameaza de primeiro orde, como demostran os casos de espionaxe coñecidos nos últimos tempos), ou a entrega case total da esquerda española ao proxecto neocarrilista de xestión e estabilización do sistema.

En poucos anos, estes factores, xunto á dinámica de retroceso xeral, conseguiron sacar do debate político conceptos que eran comúns non hai tanto tempo, postos na axenda polas esquerdas soberanistas e mesmo, nalgún momento, até por sectores das esquerdas estatais. A reivindicación da ruptura democrática co réxime era o elemento central, desde a asunción da irreformabilidade do réxime postfranquista español. Os mesmos sectores que no 78 e nas décadas posteriores colocamos sobre a mesa a necesidade da ruptura fronte á reforma debemos recuperar hoxe esa consigna e traballar por convertela en hexemónica. É vinculado a ese eixo que debemos retomar o discurso e o perfil soberanista, entendendo a capacidade real de decidir como ferramenta para mellorar as condicións de vida do pobo. Esa vontade de decidilo todo en favor da maioría encárnase na proposta dun proceso constituínte que supere o actuais marcos xurídico-políticos e coloque no horizonte a República Galega.

Pensamos que o actual contexto non esixe arriar esas bandeiras, senón todo o contrario. Coa experiencia do último goberno no Estado fica máis claro que nunca que ningunha transformación real será posíbel sen rachar os cadeados impostos no 78. Pór en primeiro plano de novo a mensaxe e a práctica soberanista non é un delirio ideoloxista, como se nos acusa ás veces desde algúns sectores. Ao contrario, é unha necesidade que, ademais de dar cumprimento aos acordos que colectivamente tomou a militancia nacionalista, sitúanos á altura dun momento histórico que deixa xa moi pouca marxe para reformas parciais. Poucas cousas existen menos realistas e máis utópicas que prometerlle ao noso pobo que poderemos mudar significativamente as súas condicións de vida sen mudar os marcos. Por suposto que non debemos renunciar as conquistas parciais, mais asumindo sempre os seus límites, evidenciándoos e enmarcándoos nun proxecto transformador real e de longo alcance. Non queremos nin debemos conformarnos con migallas. Queremos decidilo todo para mudalo todo, porque o noso pobo non merece menos que iso.

Mentres os nosos inimigos teñen un discurso e unha práctica cada vez mais radical e emprenden unha ofensiva reaccionaria e españolista en todos os ámbitos, a nosa resposta non pode ser retraernos en posicións posibilistas e mornas que baixo un falso pragmatismo contribúen a que non mude nada do esencial.

O problema non é  (só) o Goberno, é o Estado

A lexislatura que vén de rematar no Estado Español mostrou ás claras que o que impide ás maiorías sociais conseguir avances sociais significativos non é a cor dun ou doutro goberno, máis o propio deseño e natureza dun estado e dun réxime que no seu conxunto foi construído á medida da oligarquía. Todo isto acentuouse coa integración nunha UE que xa sabemos que está preparada para dictar novos recortes. Por suposto non é indiferente quen goberne e debemos facer o posíbel por evitar un maior avance e consolidación da dereita e da extrema dereita españolas, máis apostar puntualmente por viabilizar o “mal menor” non nos pode levar a lexitimar o seu papel nin moito menos a asumilo como potencial aliado, por moito que represente a cara amábel do réxime que estamos a combater. Debemos asumir con todas as consecuencias a nosa posición histórica, que asume que cómpre rachar o marco xurdido da chamada “transición” que deixou todo “atado e ben atado” para manter os privilexios duns poucos a custa do sacrificio dos pobos.

Partindo destes criterios, constatamos que a realidade segue a ser teimuda, e o papel histórico do PSOE tamén: o nacionalismo galego investiu a Pedro Sánchez a cambio dun acordo de investidura incumprido na súa maior parte. Como xa foi analizado, non só non conseguimos que cumprisen a súa parte do acordo, senón que no global o resultado deste goberno ficou moi aquén das expectativas. O noso avance electoral, ainda que menor do esperado, débese tamén á nosa capacidade de nos desmarcar ao longo da lexislatura deste executivo e as súas políticas. Sería por tanto un absurdo (como pobo e como proxecto político) aspirar no futuro a repetir escenarios similares, se é que se volven dar. Vista a experiencia, pensamos que o resto de soberanismos do estado -mesmo os que teñen moita máis forza e capacidade de incidencia ca nós- encamíñanse tamén cara a reflexións similares a esta.

Os resultados electorais, o camiño percorrido e a avaliación que facemos deben facernos tomar o rumbo certo de aquí en diante: sen renunciar a conseguir os avances inmediatos aos que poidamos aspirar nun determinado contexto (que, en todo caso, van ser cada vez máis limitados, especialmente nun momento de crise e ofensiva españolista), o noso papel central -nin moito menos único- non debe ser o de ir a Madrid ou Bruxelas a pedir unha maior atención en obras, infraestruturas ou axudas. Participar no mercadeo de investimentos competindo co resto de pobos e rexións do estado poderá ser útil puntualmente para conseguir algunha pequena concesión ou mellora,  e até para evidenciar o papel dependente e subsidiario da nosa nación. Mais ese non é o obxectivo principal nin moito menos prioritario dunha forza soberanista como a nosa.

Por moito que procure formas de recomporse, e de que as ameazas estean agora atenuadas, a crise de réxime aberta hai uns anos aínda non se pechou. O noso papel en todos os espazos que actuemos debe ser seguir a aumentar as fendas e exercer como un factor de desestabilización deste réxime e deste sistema, nunca o contrario.

Transformar e avanzar desde as institucións, e fora delas

Os avances electorais son necesarios para avanzar no noso proceso de liberación, mais a acción institucional non pode ser o único que prioricemos en todo momento nin o factor central no que sustentemos a maioría do noso traballo político. Sen un pobo organizado, mobilizado e concienciado non seremos quen de avanzar cara aos nosos obxectivos, e neses ámbitos os avances están aínda moi lonxe de acompañar os que conseguimos nestes últimos anos no terreo electoral.

Nese sentido, lograr a Presidencia da Xunta é un obxectivo político de primeira orde, para o que cómpre unha reflexión colectiva profunda sobre cales son as prioridades e os obxectivos para esa fase, con ambición e ponderando ben as posibilidades reais de transformación con que conta a limitada autonomía do noso país. Debemos ser quen de xestionar correctamente as expectativas e aproveitar ese hipotético escenario para facer avanzar o noso proxecto político, especialmente no que se refire ao status político da nosa nación. O feito de que a correlación de forzas na sociedade non sexa aínda favorábel a un proxecto soberanista non debe facernos renunciar a el, senón precisamente utilizar o goberno para favorecer a mudanza nesas forzas, contribuíndo a dar pasos para construír unha nova hexemonía que só pode fundamentarse na defensa dos nosos ideais e non na renuncia a eles.

Do mesmo xeito debemos utilizar o avance nos concellos non só para xestionar, senón sobre todo para transformar, dar máis poder ao pobo, crear consciencia nacional e denunciar as limitacións das propias institucións con vocación de superalas.

A fase que vén será en parte de resistencia, mais tamén debe selo de ofensiva. E debemos emprendela non só desde as institucións, senón acompañando desde elas a mobilización popular e o traballo de organización social que debe recuperar a centralidade na axenda do nacionalismo galego. Por moitos avances electorais que consigamos, non conseguiremos impulsar nin consolidar mudanzas significativas sen un pobo organizado que as empurre e sustente desde fora duns espazos que, sabémolo ben, están deseñadas para dificultar transformacións reais.

As receitas coñecémolas, son as que nos permitiron superar duras travesías no deserto e manter a flote un forte proxecto soberanista no noso pais contra vento e marea. Participación, mobilización, compromiso, militancia, traballo colectivo, un discurso claro e desacomplexado e, sobre todo, confianza no noso pobo.

Sabemos que seguirán presentes as tentacións de volver ás fracasadas receitas do pasado coas que a esquerda ten naufragado unha e outra vez (institucionalismo, verticalización, personalismo, moderación discursiva…). Os nosos inimigos non van deixar de aconsellarnos retomar eses camiños, sabedores de que ás veces é máis efectiva a vía da cooptación que a da represión pura e dura. 

Porén, como en momentos anteriores será a confianza nas propias forzas e na capacidade de loita do noso pobo a que nos permitirá evitar que deamos pasos atrás.

Son tempos difíciles, mais loitar sempre merece a pena e temos cada vez máis exemplos que nos marcan o camiño, como a resistencia ecoloxista desde tantos territorios do noso país contra o espolio eólico ou as cada vez máis numerosas folgas, mobilizacións e conflitos sindicais que ergue a clase obreira galega.

Con toda a humildade mais con toda a firmeza e a convicción, nós seguiremos nesa estela, construíndo un proxecto con vocación revolucionaria e sumando forzas con todas as persoas que aspiraran a un país libre e xusto.

Comparte:

Share on facebook
Share on twitter
Share on whatsapp
Share on telegram

As últimas entradas

Por dignidade e coherencia, non debemos apoiar un novo goberno do PSOE

Para comezar sequera a falar de novos acordos ou posíbeis apoios a un goberno estatal, o mínimo esixíbel -por unha cuestión de dignidade política non só como organización senón como pobo- sería o cumprimento íntegro do xa asinado no seu día e a reversión dos recortes, medidas antipopulares ou retrocesos da última lexislatura. 

Sobre a situación en Palestina

O Movemento Arredista, fiel aos seus principios de solidariedade internacionalista e loita contra toda forma de opresión, desexa expresar a súa posición fronte aos acontecementos recentes en Palestina. Historia e contexto: Non se pode comprender a situación actual sen recoñecer a historia de desprazamento e opresión que sufre o pobo palestino desde hai máis de