Fronte á inxerencia imperialista na Venezuela

Comunicado fronte á inxerencia imperialista na Venezuela

Desde o Movemento Arredista denunciamos con toda a nosa firmeza máis unha inxerencia do imperialismo o pasado 3 de xaneiro na América Latina co secuestro do presidente da República Bolivariana de Venezuela, Nicolás Maduro, e da expresidenta da Asemblea Nacional, Cilia Flores, e o asasinato de cerca de 80 persoas; 32 delas recoñecidos combatentes das Forzas Armadas Revolucionarias e do Ministerio de Interior polo goberno da República de Cuba.

Hai unha semana analizabamos o papel da Revolución Bolivariana días antes do actual escenario. Esta gravísima agresión estadounidense á soberanía venezolana para se facer cun enclave xeopolítico que lidera a loita antiimperialista no continente xunto a outros gobernos latinoamericanos, ademais do control das reservas de petróleo do país, non é unha sorpresa, mais un novo intento de normalización do uso da forza como instrumento da política exterior dos gobernos ianques para impoñeren unha orde baseada no dominio do poder militar. Só na América Latina podemos contar inxerencias similares feitas en México, Chile, Ecuador, Panamá, República Dominicana, Nicaragua, Guatemala e Honduras.

O relato que venderon os medios de comunicación imperialistas para xustificaren esta operación converteu o lexítimo presidente da Venezuela nun líder do narcotráfico caricaturesco, embora esta afirmación xa fose retirada por eses mesmos mass media: o Cártel dos Soles nunca existiu. Denunciamos, por tanto, a infame liña editorial dos grandes grupos mediáticos que prepararon o escenario desde hai semanas para agora xustificaren este brutal ataque ao país venezolano.

Condenamos as declaracións oficiais da Unión Europea, coas que se atreveron a acusar de ilexítimo o goberno eleito de Nicolás Maduro. Denunciamos tamén a vergoñenta postura do goberno español do PSOE ante este ataque, poñéndose de perfil e demandando unha «transición política» no país cando o seu presidente está secuestrado. O goberno galego do PP estivo sempre do lado da oposición golpista e dos intereses do imperialismo. Todas estas posturas demostran que as democracias burguesas teñen un obxectivo común no ámbito internacional: garantiren o saqueo da Venezuela a mans do centro imperialista. Mentres os Estados Unidos apuntan a un colonialismo clásico, controlando directamente o país, os Estados membros da Unión Europea apostan por impulsaren a oposición golpista no país.

Saudamos o goberno venezolano que resistiu a brutal inxerencia e exixe con firmeza a volta inmediata das secuestradas. A revolución bolivariana non caeu, senón que demostrou máis unha vez a súa vixencia e a importancia do seu triunfo para abrir o camiño da emancipación das oprimidas no Sur global. O imperialismo pretende derrubar un proceso entregado á afirmación da soberanía nacional e ao control dos recursos propios para o seu uso en favor das maiorías.

Nós, como comunistas, aliñámonos coas revolucionarias de todo o mundo que procuran formarse, ser críticas e combater un sistema de explotación, que é o capitalismo na súa fase imperialista. Animamos todas as galegas a cuestionaren o relato que medios de comunicación e dirixentes lacaios do capital reproducen e a simpatizaren cos movementos que pretenden organizar unha resposta popular á indecente agresión na Venezuela e que buscan elevar a dignidade política cando somos forzadas ao alienamento.

Chamamos á asistencia masiva na mobilización nacional do vindeiro día 10 en Santiago de Compostela convocada pola AGABO e polo Capítulo Galego da Internacional Antifascista para exixirmos como pobo o alto á agresión ianque contra a Venezuela e a devolución inmediata de Nicolás Maduro e Cilia Flores.

Pola paz e soberanía dos pobos!

Galiza con Venezuela!

Comparte:

As últimas entradas

1M | Facer posíbel o imposíbel

No 1º de Maio, “Dia Internacional da Clase Obreira”, non podemos comezar sen renderlle homenaxe ás milleiros de persoas traballadoras que, hai xa 140 anos, se mobilizaron polas rúas de Chicago para loitar pola xornada laboral de 40 horas, pola dignificación das condicións laborais, pola superación da espoliación, en definitiva para dignificar as condicións da

10M | Organizar a clase obreira para liberar Galiza

Cada 10 de marzo lembramos o asasinato dos obreiros galegos Amador Rey e Daniel Niebla, abatidos pola policía española en Ferrol no ano 1972, no contexto das grandes mobilizacións obreiras en Ferrol e Vigo. Mais non estamos só ante unha data de “memoria histórica”ou de denuncia do fascismo. É unha data de afirmación nacional e

8M | Mulheres trabalhadoras contra o capital!

As mulheres trabalhadoras contra o capital Desde o movimento feminista de classe compreendemos a emancipaçom de género como um processo de tomada de consciência sobre o lugar em que o sistema coloca as mulheres e sobre as violências e desigualdades que as afetam, à vez que pulamos pola criaçom e estabelecimento de um poder que

Contra a agresión imperialista ao Irán

O Movemento Arredista amosa o seu completo rexeitamento aos ataques militares que, desde a mañá do 28 de Febreiro, lanzaron sobre o Irán as forzas imperialistas dos Estados Unidos de Norteamérica, xunto coas do seu posto avanzado da entidade sionista de “Israel”.  Denunciamos nos termos máis graves o asalto traizoeiro contra o Irán, un ataque