Independencia para mudalo todo
Galiza é unha nación sometida politicamente, empobrecida economicamente e negada culturalmente. Entendemos a loita pola independencia nacional como vía de superar esa situación, mais tamén como o camiño máis efectivo para lograr unha verdadeira ruptura democrática co réxime do 78.
O estado español é un estado imperialista que oprime ao noso país roubándolle o control dos seus sectores produtivos e das súas liberdades políticas en beneficio dunha oligarquía antidemocrática. O réxime xurdido da restauración borbónica non é reformábel. Desde esta certeza, enmarcamos toda a nosa acción política nesta estratexia soberanista de ruptura, non como horizonte teórico remoto mais como obxectivo que guía o noso o día a día e nos obriga a ser consecuentes con el.
A loita soberanista supón para nós non só un proceso de resistencia á nosa desaparición como nación. É fundamentalmente elevar a primeiro plano a cuestión central da acción política: a loita polo poder, para polo ao servizo do pobo galego.
Por iso defendemos o exercicio do noso dereito de autodeterminación para a construción dun estado propio, a República Galega, por medio dun proceso constituínte que poña a palabra e a decisión nas mans do pobo e implique unha verdadeira transformación social desde bases diferentes.
O noso labor irá destinado a normalizar este horizonte na conciencia colectiva a situalo como perspectiva común das loitas sociais, como unha oportunidade real de transformacións profundas.
A defensa da soberanía é chave tamén para romper con outras estruturas imperialistas e ao servizo do capital, como a UE, o FMI ou a OTAN, e contribuír á construción doutro modelo de relacións internacionais, xusto, igualitario e solidario.
Afirmámonos no antiimperialismo e no internacionalismo. Pomos en primeiro plano a solidariedade con quen loita noutros lugares polo mesmo ao que nós aspiramos, do mesmo xeito que rexeitamos frontalmente calquera modalidade de intervención imperialista en calquera parte do mundo, desde a convicción de que o mellor servizo ao conxunto da humanidade é golpear o imperialismo (e a súa expresión concreta neste canto do mundo: o estado español) aquí e agora.
Aspiramos a un país dono do seu destino e plenamente normalizado: orgulloso da súa identidade e aberto ao mundo, cunha cultura viva e autocentrada e co galego como lingua hexemónica, desde unha visión da mesma que recoñeza a súa dimensión internacional. Un país libre nun mundo novo sen explotación dunhas persoas sobre outras.
Para avanzar nestes obxectivos, recoñecémonos colectivamente no longo percurso de loita do noso pobo pola súa liberdade, así como nos procesos de liberación nacional en todo o mundo.
Socialismo: contra toda explotación
A nosa acción política fundaméntase na análise crítica do capitalismo como un sistema de explotación e desposesión da maioría social en favor do lucro privado e a acumulación dunha minoría. Desde esta comprensión, recoñecémonos como comunistas e asumimos como prioritaria a loita de clases como motor de transformación da historia, traballamos co horizonte da superación da ditadura do capital e pola construción da democracia socialista. Unha sociedade onde sexan superadas a explotación de clase e todas as formas de opresión, cunha economía ao servizo da vida e da satisfacción das necesidades sociais, con propiedade e control colectivo dos medios de produción e con verdadeira democracia plena, participativa e protagónica.
Entendemos o socialismo como un proceso de construción colectivo e baseado no impulso da participación do pobo traballador a todos os niveis, que avance na toma do poder pola maioría social.
Opómonos ás concepcións conciliadoras arredor do pacto social. Se ben non renunciamos a todas as conquistas inmediatas que podamos lograr nesta fase, facémolo desde a conciencia de que neste sistema sempre serán limitadas e reversíbeis, polo que traballaremos sempre co horizonte de transcendelo. Polo tanto, enmarcamos nesa perspectiva as reivindicacións inmediatas por unha maior xustiza social, polo reparto da riqueza, a defensa dos servizos públicos e a garantía dunha vida digna para todas as persoas, con independencia de orixe, xénero, identidade ou condición.
Tamén nesa perspectiva, contribuiremos a construír aquí e agora espazos que funcionen lonxe das lóxicas capitalistas, que sirvan como espazos de subversión interna dentro do sistema e axuden a prefigurar a sociedade nova pola que loitamos.
A aposta consecuente por un sistema baseado na satisfacción das necesidades sociais, polo tanto na defensa da vida e a súa conservación, implica a asunción do compromiso ecolóxico como vector fundamental da nosa intervención revolucionaria. Recoñecéndomos o perigo dunha crise ambiental sen precedentes, entendemos que no seo do capitalismo non existe solución posíbel aos retos que enfronta a humanidade. A disxuntiva do noso tempo é: socialismo ou extinción.
Como comunistas, asumimos e reivindicamos o marxismo como método de análise da realidade e ferramenta de intervención nela para a súa transformación. Recoñecémonos na traxectoria do movemento revolucionario pola superación do capitalismo e o fin de toda opresión, e reivindicamos as súas achegas ao pensamento emancipador, particularmente a do leninismo.
Feminismo como ferramenta de liberación
Pórmos en primeiro plano a emancipación da metade da humanidade implica un compromiso en asumir desde xa a loita contra a opresión como un obxectivo inadiábel.
Neste momento histórico non se pode entender a explotación de clase sen as diferentes opresións das que o capital se aproveita e alimenta para a acumulación da riqueza e a explotación dos recursos naturais. Como comunistas asumimos o combate ao patriarcado e a todas as formas de opresión como unha ferramenta imprescindíbel para o combate do capitalismo.
Defendemos a práctica dun feminismo de clase que teña capacidade para facer da diversidade unha oportunidade para sumar forzas no combate ao dominio do capital, entendendo como se cruzan e interrelacionan as diferentes opresións.
Comprometémonos cun feminismo mobilizador e de acción directa que propoña alternativas concretas para o país. Cun feminismo que vise unha transformación radical da sociedade coa mobilización como ferramenta de loita.
Apostamos na defensa radical dun feminismo de base galega en pé de igualdade co resto do mundo que nos coloque nos debates e alianzas internacionais como un pobo con voz e axenda propia.