O BNG en Movemento, unha aposta para a XVIII desde o Movemento Arredista

O Movemento Arredista é unha organización estratéxica con vocación revolucionaria, centrada na construción do poder popular para a consecución da independencia nacional e o socialismo. Acreditamos no BNG como a fronte patriótica de liberación nacional a través da cal facer chegar as nosas posturas ao conxunto das clases populares galegas. Recoñecemos o colonialismo español, indisociábel do capitalismo e o patriarcado, como base da explotación da clase traballadora galega en todas as súas formas. En ligazón con estas posicións estratéxicas, levamos ao plenario da AN unha serie de emendas e intervencións ao informe de xestión que queremos contribúan a estimular o debate político e mellorar os textos que articulen o vindeiro período.

Nesta XVIII Asemblea Nacional do BNG impulsamos a Candidatura O BNG en Movemento á XVIII Asemblea do Nacional do BNG, encabezada por Noa Presas.

Desde a normalidade da pluralidade e do frontismo, a nosa intención é achegar debates e propostas e dar á militancia a posibilidade de escoller esta opción para os órganos nacionais do BNG.

Coa esta candidatura, integrada por militantes do Movemento Arredista e outras compañeiras independentes, socializamos as nosas apostas para lograr un BNG máis forte, con máis organización, máis debate, máis pluralismo, máis esquerda e máis soberanismo!

O BNG en Movemento: máis organización, máis pluralismo, máis debate, máis esquerda e máis soberanía

A Asemblea Nacional do BNG é o principal foro de expresión e debate da militancia, e debe ser entendida como tal e non como un evento mediático ou apenas de promoción do proxecto político. É neste marco en que o conxunto da militancia elabora as súas análises e propostas políticas a nivel comarcal e nacional e toma acordos para construír a folla de ruta que guía o traballo da fronte nos próximos anos, non apenas as persoas que irán levar ese traballo adiante desde a direción política. 

Nestes últimos tempos, como xa temos analizado, o BNG pasou dunha fase de resistencia, na que a propia pervivencia do proxecto soberanista parecía en risco, a un avance electoral histórico. A pesar da vitoria do Partido Popular, o BNG consolidouse como principal axente da oposición, mais xa temos analizado como este avance electoral non veu acompañado da recuperación a nivel de organización social e mobilización popular, onde aínda estamos moi lonxe dos momentos de maior activación colectiva. 

A acertada liña de defensa dos intereses das maiorías sociais conviviu co debilitamento, cando non abandono, do discurso soberanista, da indefinición ou mesmo con contradicións á hora de abordar os retos que se nos foron presentando neste tempo. Estas situacións demostran que o avance do proxecto de liberación nacional non pode ser medido só con resultados electorais. Somos conscientes de que debemos atender os espazos en que temos maior febleza e ver en cales debemos colocar os nosos esforzos. 

Neste sentido, seguimos a ver con preocupación a falta de debate estratéxico. Esta ausencia é definitoria para a existencia (ou non) de análises e diagnoses acaídas no noso día a día. Mais non só: tamén para deseñar a folla de ruta que aspiramos a seguir para facer avanzar tanto a fronte patriótica como o movemento nacional de emancipación galego no seu conxunto. 

Neste contexto, desde o Movemento Arredista queremos formular varios aspectos que nos resultan fundamentais para o fortalecemento da fronte nos vindeiros anos: 

1.- Máis organización 

O reforzo da organización ten que ser unha prioridade para a fronte patriótica, que continúa a ter no seu corpo militante a mellor garantía para a pervivencia e avance do proxecto político. Entendemos que a fronte patriótica non foi allea ao contexto xeral de regresión política nin tampouco á crise de militancia que existe na actualidade, mais é preciso revisar as nosas dinámicas internas e a execución de acordos asembleares anteriores, pois a incorporación de nova militancia no traballo diario segue a ser insuficiente en boa parte de localidades. 

Nos últimos anos tamén as numerosas citas electorais serviron como desculpa da parálise organizativa, que non foi quen de habilitar ferramentas para a participación de todas aquelas persoas que nos últimos tempos ollaron con simpatía cara ao proxecto. Parálise organizativa que, analizamos, favoreceu vicios que xa noutras alturas combatemos: tendencia ao personalismo, acumulación de cargos, prioridade absoluta do electoral/institucional fronte á acción social ou falta de debate interno. 

É urxente revitalizar a vida orgánica, facilitando os espazos de participación, impulsando a formación e favorecendo a implicacion da militancia a nivel social e creando novos espazos de intervención que permitan recoller todas as enerxías e forzas das que dispón a fronte. Cómpre reverter a desmobilización e a falta de tensión militante para favorecer unha maior implicación que permita converter a base do BNG non só nunha extensa rede de afiliados e afiliadas, senón sobre todo de militantes e activistas sociais, con todo o que iso implica.

Defendemos que o BNG ten que reforzar o valor do colectivo, das tarefas colexiadas e da pluralidade de voces e caras públicas; que non faga depender o noso avance das persoas que nos representen en cada momento senón, sobre todo, do traballo mancomunado. 

Os últimos anos amosaron a vixencia do modelo frontista como o máis adecuado para recoller a pluralidade do soberanismo, e é nese marco que as diferentes perspectivas deben expresarse. Debe guiarnos a todas quen, desde posicións diferentes, confluímos no proxecto BNG a lealdade á organización, que non é outras cousa que lealdade á súa militancia e aos procedementos democráticos.

Máis debate 

O modelo frontista, como sinalamos arriba, é o modelo que entendemos máis adecuado para recoller a pluralidade das que facemos parte. Parte desa dinámica frontista pasa por normalizar o propio frontismo; isto é, normalizar que existan posturas diferentes sobre determinadas cuestións e que poidan ser debatidas de forma honesta tanto dentro coma fóra dos marcos organizativos, de xeito leal e construtivo. 

As diferenzas e o debate son completamente compatibles coa unidade de acción fundamentada nos obxectivos comúns. Aspiramos a un BNG en que poidamos defender desacomplexadamente as nosas posturas porque ten que ser parte do propio funcionamento democrático da fronte. O debate leal e orgánico, sen complexos e con honestidade, axudaranos a camiñar na eliminación de determinadas prácticas que se veñen dando no seo da fronte como o incumprimento público de acordos orgánicos.

É máis, ante un reto colectivo maiúsculo como liderar a alternativa ao Partido Popular na Xunta e facer posible un cambio de goberno no 2028, o frontismo é unha ferramenta imprescindible. Con el podemos xerir, colectivizar e traballar todas as contradicións que conleve o proceso previo, así como a propia posta en marcha, dunha alternativa útil para o país e para a clase traballadora nun marco legal e político antigalego e antipopular que non está deseñado para a posta en marcha da nosa actuación e programa transformadores, tal e como xa aprendemos no pasado e como verificamos noutras institucións coma os concellos.

2.- Máis traballo de base

Os avances electorais do nacionalismo galego nos últimos tempos foron quen de reverter en pouco tempo unha situación complicada. Porén, eses avances en votos, en simpatía popular e mesmo en afiliación están lonxe aínda de concretarse a nivel social e de organización popular. Entendemos que esa debe ser a prioridade nesta fase: fortalecer socialmente o avance do soberanismo, crear tecido organizado en todos os campos e mobilizar as capas máis conscientes da sociedade en chave soberanista e de ruptura democrática.

Precisaremos de toda a forza social posíbel para impulsar transformacións reais, tamén no institucional, e acelerar as demandas nacionais do noso país. Só da man de toda esa forza seremos quen de situar o soberanismo como síntese de todos os avances sociais que se poden acadar coa superación deste réxime.

O BNG non pode traballar exclusivamente en base a ciclos electorais e á presenza nas institucións. Nós defendemos dedicar moitos máis recursos e forzas militantes ao traballo social, o único que garante transformacións sociais reais e con raíces sólidas. Para iso debemos radiografar e avaliar os recursos que temos dedicados ao longo do territorio para reconsiderar as melloras necesarias para saírmos da rutina, tanto no que ten que ver coa nosa propia estrutura organizativa como con aqueles espazos que naceron con vontade de masas mais que de facto son unicamente autorreferenciais e, polo tanto, estériles, pois non permiten incrementar a base social.

O fortalecemento dun movemento popular arredor da reivindicación nacional, o impulso de centros sociais, e expansión da rede de escolas Semente, a aposta por un feminismo autocentrado cunha axenda nidiamente galega coordinado e aliñado a nivel nacional en chave soberanista, o antifascismo e a recuperación da memoria histórica… e, en definitiva, o potenciamento e o reforzo sen tutelas de movementos sociais autocentrados e con dinámicas nacionais en todos os ámbitos, son tarefas que probabelmente non darán réditos inmediatos, mais que son imprescindíbeis se queremos construír a liberdade deste pobo sobre bases firmes.

3.- Máis esquerda e máis soberanismo

Cremos que tamén cómpre seguir a clarificar colectivamente outro debate central da nosa acción política: a quen nos diriximos e quen son as destinatarias do proxecto político do BNG. Determinadas confusións arredor do que se entende por interclasismo poden levar a erros como pensar que un proxecto antioligárquico como o da esquerda soberanista galega pode ter nalgún momento coincidencia de intereses coa grande burguesía do país. Evidentemente non é certo, e independentemente de que sectores da pequena burguesía poidan sentirse interpelados polo proceso de liberación nacional, debemos ter claro a quen nos diriximos e quen será o motor da nosa emancipación como pobo: a inmensa maioría que vive do seu traballo. Neste período acentuouse un discurso cada vez máis confuso en relación a isto e debemos ter claro que ensanchar a base social é un obxectivo compartido cando estamos a falar de incorporar a cada vez máis sectores das camadas populares que hoxe aínda teñen a súa referencia en movementos estatais e aos que o movemento nacionalista aspira a convencer e sumar. 

O recrudecemento das consecuencias do capitalismo require de mensaxes e alternativas que nos coloquen como a ferramenta que precisa esa maioría social, con propostas avanzadas que anticipen os trazos do modelo social alternativo que defendemos. Un exemplo acertado nos últimos anos foi o discurso e alternativa elaborados para avaliar o espolio enerxético e a defensa sen complexos do control público, que debemos agora estender a outro sectores fundamentais da economía e esixir a reversión ao público de todos os ámbitos que foron privatizados pola diversas institucións en que interveñamos.

En etapas anteriores, o BNG deu pasos firmes na clarificación da súa liña política e do seu horizonte estratéxico, demostrando que defender a autoorganización, fuxir de vías posibilistas e da homologación ás forzas tradicionais era compatíbel coa recuperación de apoio social e mesmo co avance electoral.

Nós defendemos que fican pasos novos por dar para o que nós entendemos que debe ser o horizonte estratéxico. Mais, desde logo, o que achamos imprescindíbel é non retroceder, non deixar de falar de soberanía, non deixar de falar de República Galega, non desligar o estratéxico e o táctico, tanto no discurso do día a día como na práctica política que desenvolvemos. 

Nese sentido, preocúpanos que o discurso sobre o “novo status para Galiza” nos coloque novamente en torno a unha superada proposta de reforma do Estatuto. Esta conceptualización, que cando se lanzou era una proposta explicitamente soberanista en termos de Bases Democráticas, foi baleirada progresivamente. Un eventual debate sobre un novo status para o noso pobo debe servirnos precisamente para pór sobre a mesa a alternativa soberanista e facela avanzar social e institucionalmente, nunca para crear expectativas de reformar o que xa sabemos que é irreformábel. 

É importante termos claro cal é o destino cara ao que queremos camiñar colectivamente: a República Galega, segundo foi definido pola militancia do BNG. Máis aínda o é saber cal será o camiño polo que avancemos cara a el. E, sobre todo, reflexionar sobre a forma en que o que facemos no día a día axuda efectivamente a que deamos pasos adiante.

4.- Máis mobilización: apoio e impulso dos movementos sociais

A nosa aposta é clara: sen mobilización e sen loita non hai avances no camiño da soberanía nacional. Neste sentido, cómpre destacar e investir todos os esforzos posíbeis no avance na construción do tecido social alternativo que aspira a vertebrar este país. Debemos contribuír á construción de espazos de loita social (feminismo, movemento de defensa da terra, movemento LGBT, espazos de construción nacional…), espazos que contribuen ao deseño dunha folla de ruta que nos faga avanzar cara ao horizonte estratéxico.

Non debemos confundir o avance electoral con mobilización social, pois isto fainos caer en determinados espellismos que sobrevaloran o avance soberanista e difuminan as posicións políticas que debemos ter presentes e que son as que de verdade nos fan avanzar e crear conciencia nacional. Por isto, alén dos pasos adiante dados no electoral, debemos avanzar nun proceso de construción nacional de base que debe estar baseado nunha aposta non puramente simbólica, senón colocando o noso compromiso e militancia dirixidos a esta construción. Así mesmo, debe ser o soberanismo galego quen lidere a articulación da resposta social a problemas que hoxe en día centran as preocupacións sociais, como son o da vivenda ou crise da sanidade, para organizalos nas nosas chaves.

Debemos apostar e contribuír á dinamización e articulación destes espazos que existen por todo o territorio galego e que, desde aí, teñan vocación nacional, transformadora, de ruptura co Estado e co sistema vixente.

5.- Política institucional para a transformación social

Co BNG situado claramente como segunda forza electoral no parlamento autonómico e referencia da oposición ao PP, cómpre avaliar colectivamente a nova situación e as perspectivas que se abren, coa posibilidade de mesmo poder liderar por primeira vez na historia o goberno autonómico. Ese horizonte debe facernos, partindo das experiencias e aprendizaxes acumuladas -tanto positivas como negativas-, definir claramente a folla de ruta a seguir, como indicabamos anteriormente. Mais tamén prepararnos deseñando que papel xogaría o Goberno da Xunta liderado polo BNG para o avance da construción nacional como obxectivo fundamental, para alén dunha xestión mellor e máis democrática. Desde a consciencia das limitacións dun marco político cada vez máis restrinxido, debemos prepararnos para pór en marcha a mellor maneira de evidenciar eses límites e avanzar para trascendelos, fuxindo de todo conformismo perpetuador do actual statu quo.

Igualmente, a perspectiva dun avance nas eleccións municipais e a posibilidade de acceder a máis gobernos nos concellos require un debate que teña en conta a experiencia acumulada para así definir que obxectivos mínimos nos marcamos e como aproveitamos iso; non só para xestionar mellor, senón sobretodo para facer avanzar socialmente o noso proxecto político.

Existen diferentes experiencias transformadoras en gobernos nacionalistas ao longo do país e cómpre que estas deixen de ser iniciativas locais para converterse en liñas nacionais de actuación que definan a presenza do BNG en todos os gobernos municipais. Experiencias de participación, de recuperación de servizos para mans públicas ou de colocación dos recursos ao servizo do pobo teñen que ser a axenda central do BNG nos gobernos.

En relación ás tarefas institucionais, é preciso tamén sermos consecuentes na nosa relación co PSOE. O seu rol como “mal menor” ou mesmo a súa caracterización formal como un partido progresista, ou até de esquerda, non nos ten permitido ser sempre coherentes na relación con esa forza, asumindo en moitas ocasións que a opción desexábel por defecto é a de chegar a acordos de goberno con ela e, moitas veces, mesmo contribuíndo a lexitimala en lugar de desenmascarala como o que é. Debemos valorar exemplos positivos dos últimos mandatos en que se rompeu con inercias como a entrada automática en gobernos alternativos ao Partido Popular ou en que se enfrontaron con valentía a poderes económicos e mediáticos. Estas experiencias poderían servirnos para facer pedagoxía na fronte sobre a necesidade de manter un perfil propio e diferenciado.

Así mesmo, é necesario caracterizar correctamente o papel estatal do PSOE e do mal chamado “goberno de progreso”. O seu incumprimento sistematico do Acordo de Investidura e o impulso de políticas regresivas no ámbito das pensións, laboral ou migratorio, así como a recuperación da regra de gasto, deben ser obxecto intenso de oposición e non debemos dar por feito o sostemento do goberno ou a aprobación de orzamentos. Debemos asumir ante ela un labor de oposición consecuente e explicado concienzudamente na nosa base social para non deixar espazo ás dereitas para capitalizar o descontento. O papel do soberanismo a nivel estatal non debe ser nunca o de facilitar a gobernabilidade ou a estabilidade nin do goberno nin do réxime en troca de pequenas concesións, senón xusto o contrario: evidenciar a incapacidade das forzas españolas e do Estado que sustentan á hora de dar respostas ás necesidades do noso pobo.

De cara ao futuro é preciso tamén que a fronte dea resposta á fenda de desigualdade territorial, e tamén social, que  existe no noso país e traballe por ser a alternativa fronte a outras opcións localistas ou españolistas para as zonas do país que teñen un desenvolvemento e dinámicas socioeconómicas difererentes ao da zona atlántica. Debemos intensificar os esforzos para facer unha análise rigorosa da realidade e dar unha explicación e resposta en chave de país socializando as causas dese desequilibrio e artellando unha alternativa que sexa concreta e planificada e nos converta en referencia. Este aspecto é fundamental na nosa concepción de país e tamén en termos electorais para o avance nas institucións.

Constrúe connosco un BNG en Movemento

A XVIII Asemblea Nacional será un punto de inflexión importante en todos estes debates. Cómpre revitalizar a organización e aproveitar este período para afondar nos mecanismos de participación e elaboración colectiva que nos permitan afrontar con máis forza os retos que temos por diante.

Con esa intención elaboramos e partillamos a nosa análise e propostas que queren seguir sumando na construción dunha ferramenta política plural e diversa, cunha militancia comprometida e a firme convicción de que só cun proxecto consecuentemente soberanista e de esquerda seremos quen de mellorar a vida do noso pobo.

Podes ver toda a información da candidatura aquí.

Comparte:

As últimas entradas

XVIII Asemblea Nacional BNG

O BNG en Movemento, unha aposta pola soberanía e a xustiza social

Dende o Movemento Arredista impulsamos a candidatura O BNG en Movemento na XVIII Asemblea Nacional do BNG convencidas de que a pluralidade e do frontismo son un valor central na construción dunha fronte patriótica forte. A nosa vontade foi a de achegar debates e propostas dar á militancia a posibilidade de escoller esta opción para

COMUNICADO – Impulsamos a Candidatura O BNG en Movemento á XVIII Asemblea do Nacional do BNG, encabezada por Noa Presas.

O  BNG en Movemento:  máis organización, máis debate, máis pluralismo, máis esquerda, máis soberanismo A militancia do Movemento Arredista vimos de decidir impulsar unha candidatura ao Consello Nacional do BNG participada tamén por persoas independentes e encabezada por Noa Presas, membro da Executiva Nacional e deputada no Parlamento Galego. Antes de explicar as razóns que