1º de maio: o capitalismo é crise

Non podemos entender este acelerado empobrecemento das clases populares sen contemplar o seu carácter sistémico, inscrito no ADN dun capitalismo que, guiado só polo lucro, é incapaz de satisfacer as necesidades sociais.

A acelerada suba de prezos nos últimos tempos -visíbel en todos os ámbitos e en particular nos produtos e servizos de primeira necesidade- debuxa unha situación de cada vez máis dificultade e empobrecemento para as clases populares. Mentres tanto, os grandes capitalistas seguen a ver como aumentan os seus lucros sen límite, aproveitándose novamente dunha crise que axudaron a provocar.

Ainda que o relato oficial pretende responsabilizar exclusivamente da escalada de prezos a guerra na Ucrania -a mesma que os poderes capitalistas seguen a alimentar-, o certo é que as cifras de inflación xa estaban disparadas antes de que esta se desatase.

Cómpren medidas urxentes, audaces e valentes para facer frente no inmediato a esta situación: control e limitación de prezos, maior intervención pública en todos os ámbitos da economía, enfrentamento dos grupos económicos para que deixen de lucrarse neste contexto, aumento dos salarios, pensións e prestacións sociais, e unha política fiscal progresiva que impoña maiores impostos à riqueza. 

Evidentemente os gobernos que xa demostraron estar ao servizo do capital non porán en marcha por vontade propia nengunha destas medidas. Da dereita españolista que goberna a Xunta, como principal representante dos poderes económicos que se lucran con esta crise, só podemos esperar unha intensificación da ofensiva contra as clases populares. Mais a estas alturas xa sabemos tamén que tampouco da suposta “esquerda” española podemos esperar mudanzas significativas -como constatou o fraude da reforma laboral ou as medidas cosméticas para paliar o efeito de inflación-, e que mesmo da súa man virán novos recortes, como o xa anunciado nas pensións públicas.

Por tanto, non é momento de conciliar con nengunha das opcións políticas que representan diferentes caras dun mesmo sistema. Como a historia demostra, a ameaza fascista -cada vez máis presente de novo- nútrese do desencanto e a desmobilización que provoca a falsa esquerda cando defrauda as súas promesas e as espectativas que criou. Para evitar ese desenlace, cómpre reforzar unha esquerda realmente consecuente e transformadora, que se desmarque abertamente do PSOE e os seus cómplices e cuestione de raiz o modelo socioeconómico e político vixente.

Non podemos entender este acelerado empobrecemento das clases populares sen contemplar o seu carácter sistémico, inscrito no ADN dun capitalismo que, guiado só polo lucro, é incapaz de satisfacer as necesidades sociais

Xunto ás medidas inmediatas e urxentes para paliar o saqueo que estamos a sofrer, o momento esixe ademais que socialicemos a causa última que provoca esta enésima crise: non podemos entender este acelerado empobrecemento das clases populares sen contemplar o seu carácter sistémico, inscrito no ADN dun capitalismo que, guiado só polo lucro, é incapaz de satisfacer as necesidades sociais. Cómpre popularizar discursos e prácticas anticapitalistas, porque sen cuestionar a raiz do problema e avanzar na construción dun sistema diferente os nosos direitos e conquistas estarán sempre sometidos a ameazas de regresión como a que hoxe vivimos, en función das contas de resultados da oligarquía.

Esta crise pon novamente de manifesto a necesidade de contarmos con ferramentas políticas para intervir na nosa realidade, isto é, soberanía e independencia. O pobo galego ten dinámicas, necesidades e problemas específicos que só poden sen enfrentados desde un poder propio, e cara ese horizonte debemos camiñar. Cando falamos da necesaria democratización da economía, de soberanía alimentar, ou dun modelo enerxético sustentábel, somos conscientes de que nada diso é concretizábel sen racharmos de vez as relacións de dependencia que nos impiden gobernarnos. E iso pasa por seguir a acumular forzas no camiño da ruptura democrática co Estado Español e a Unión Europea, cos réximes e institucións creados para perpetuar o actual modelo de espolio dos pobos.

A alternativa que temos por diante non é sinxela máis é a única posíbel: cómpre organizarse en todos os ámbitos, tecer redes de contrapoder e erguer espazos de construción dun mundo diferente ao tempo que cuestionamos o vello: combatemos este réxime e este sistema e situamos o socialismo no horizonte, porque só así poderemos aspirar a unha vida digna.

Ver campaña nacional O Capitalismo é Crise

Comparte:

As últimas entradas

25X | Acumularmos forzas pola independencia

O conflito nacional galego é un proceso histórico que leva máis dun século acumulando ideas, experiencias e forzas para superar a contradición nacional, a contradición principal que se dá na Galiza e que está atravesada polo antagonismo de clases de forma indisolúbel. Desde a Revolución de 1846, influída polo socialismo utópico da altura, até a

Avanzarmos no confronto contra España e o imperialismo

Fronte ao desfile do exército español en Vigo deste Sábado 30 de Maio, desde o Movemento Arredista adherimos á manifestación nacional convocada pola plataforma Galiza pola paz, en rexeitamento de dito acto de exhibición do militarismo españolista por parte das forzas de ocupación, que tamén fica encadrado dentro da escalada bélica promovida polo bloque imperialista.

Até sempre, camarada Antolín

Desde o Movemento Arredista queremos manifestar o noso profundo pesar polo falecemento de Antolín Alcántara, unha das grandes referencias do  nacionalismo galego e un militante exemplar que consagrou toda a súa vida á defensa da clase obreira, da xustiza social e da liberación nacional da Galiza. Alén de polo seu labor sindicalista e para co

17M | Independência nacional para umha língua plena

A fenda linguística que sofremos, com a perda constante de espaços de uso e de novos falantes, é consequência direta da nossa falta de soberania. O galego leva décadas resistindo num marco estatal que o condena à subordinaçom permanente. O autonomismo demonstrou ser um instrumento de castelhanizaçom desde os seus inícios, o que supujo ter