O debate fainos máis fortes. As nosas liñas de intervención ante a XVII Asemblea Nacional do BNG.

Desde que se convocou a XVII Asemblea Nacional do BNG, estamos a insistir na necesidade de que este espazo de decisión do conxunto da súa militancia sirva para afondar no debate, o intercambio de ideas e a clarificación ideolóxica para encarar con garantías os retos dos próximos anos. Cómpre reflexionar colectivamente sobre os acertos e os erros dos últimos tempos, de forma que iso nos permita dar novos pasos que sitúen o soberanismo en mellores posicións para afortalar socialmente o seu avance electoral. Para iso, defendemos que os debates deben estar centrados nas ideas e non nas persoas, definindo da forma mais colectiva posíbel o rumo do BNG.

Neste sentido foi que intervimos no debate pre-asemblear, e así o faremos o propio 7 de novembro. Algunhas das achegas que a nosa militancia fixo nas diversas asembleas comarcais às teses política e organizativa xa foron aceptadas no Consello Nacional, e outras irán a debate na propia Asemblea Nacional. Eis algunhas das liñas que guían as nosas propostas para os documentos políticos que guiarán o traballo do BNG nos próximos anos:

  • Cómpre termos presente en todo momento o horizonte estratéxico cara ao que camiñamos (unha República Galega soberana e xusta), de forma que sexamos quen de enmarcar nese camiño toda a nosa acción política nos diferente ámbitos de actuación. Ademais, queremos pór en valor o proceso de clarificación ideolóxica dos últimos anos, que reverteu un proceso de desnaturalización político-ideolóxica e organizativa do que debemos aprender para evitar repetilo no futuro. 
  • En coherencia co anterior, cómpre explicitar mellor a nosa proposta táctica de novo status para Galiza, deixando claro que non entraremos a negociar unha reforma estatutaria e que o novo marco que defendemos debe estar fundamentado no noso dereito a decidir. Para enfrentar este debate nos próximos anos, cómpre recuperarmos a proposta que o BNG aprovou colectivamente: as Bases Democráticas para unha nova Galiza.
  • Ademais, pensamos que en coherencia cos pasos dados nos últimos anos e co  carácter irreformábel do Estado Español, é o momento de asumir unha posición política aberta e desacomplexadamente independentista, que evite ambigüidades e favoreza a clarificación e a socialización das nosas demandas xunto ás dos resto de pobos negados.
  • O discurso do BNG debe estar dirixido á inmensa maioría social do noso país: aquela que vive do seu traballo, cuxos intereses debemos defender prioritariamente. O carácter interclasista dunha organización como o BNG non debe levarnos a asumir en ningún caso que o noso proxecto é conciliábel co da grande burguesía galega.
  • Cómpre asumir un compromiso firme con un modelo de ensino inmersivo na nosa lingua, promovendo a reorientación do sistema público e defendendo e apoiando proxectos comunitarios como a rede de escolas Semente.
  • O BNG debe xogar un papel central no impulso da autoorganización do noso pobo a todos os niveis. Un pobo organizado, consciente e mobilizado é a mellor garantía de que sexamos quen de implementar as mudanzas que o país precisa, desde as institucións ou fora delas. As tarefas e recursos da organizacións deben reorientarse cara a este fin, deixando de privilexiar só a acción institucional.
  • Insistimos na necesidade de entender as responsabilidades institucionais -nomeadamente unha hipotética chegada ao goberno autonómico- como un medio para o avance do noso proxecto político, mais non un fin en si mesmo. A posibilidade de presidir a Xunta debería servirnos para conseguir avances nas condicións de vida do noso pobo, favorecer a autoorganización popular e crear conciencia nacional, mais sobretodo para evidenciar as limitacións dun marco político absolutamente insuficiente e que debemos superar.
  • En coherencia coa nosa análise da Unión Europea, cómpre defender abertamente a necesidade de sair do seu marco, como paso impresencíbel para poder desenvolver políticas de esquerda e articular um modelo de relacionamento entre os pobos do continente realmente democrático.
  • O BNG é un proxecto colectivo coa militancia como o seu principal motor de acción, en consecuencia os liderados nacionais e locais deben ser tamén colectivos contribuíndo á construción dunha cultura política que sobrepase os estreitos marcos impostos polos partidos sistémicos e as lóxicas dos medios do réxime. 
  • Precisamos unha maior coordenación nas políticas municipais que lles dean maior coherencia e permitan expandir as iniciativas transformadoras. Isto debe concretarse en diferentes materias, entre as que destacamos a necesidade de estratexias de construción nacional desde os concellos, o fomento da participación e autoorganización social e un maior compromiso con políticas de recuperación de servizos privatizados.
  • Cómpre ser coherentes tamén nas cuestións simbólicas, pondo fin a prácticas claramente contraditorias cos nosos principios e acordos por parte de algúns representantes insitutucionais, como a asistencia às conmemoracións do 12 de outubro.
  • A caracterización que facemos do PSOE como un dos principais alicerces do réxime debe levarnos a ser consecuentes con iso, evitando en todo momento validar esa forza como unha opción de esquerda. Isto cobra especial relevancia en relación ao goberno estatal e ao incumprimento da maioría dos seus compromisos, o que debe levarnos a exercer un papel de oposición consecuente para evitar deixar que o descontento ante a crecente crise económica sexa capitalizado pola extrema dereita.
  • Para reforzar a fronte precisamos ampliar e reforzar os espazos de debate internos a nivel nacional, comarcal e local. Enfrontaremos nos vindeiros anos debates chave a nivel ambiental, social e económico que precisan analizar, debater e procurar respostas colectivas para construír o programa de acción política do BNG.

Esta XVII Asemblea Nacional do BNG chega após unha pandemia que deixou unha fonda crise social, cun goberno do Estado cada vez máis sometido ás lóxicas neoliberais da UE e un goberno da Xunta de Galiza que non fai máis que agravar os problemas do país e ás portas dunha grave crise climática e enerxética da que aínda non podemos medir a magnitude. Neste contexto precisamos un BNG forte, que aposte pola ruptura co réxime do 78 e que faga frente á ofensiva capitalista. Un BNG capaz de construír alternativas transformadoras e que defenda sen complexos, dende as institucións e dende as rúas, os intereses do pobo traballador galego frente ás agresións que esta sufrindo. 

Podes consultar tamén o documento que recolle máis polo miúdo as nosas liñas de intervención para o BNG: IDEAS PARA FORTALECER O BNG. Debater, organizar e mobilizar desde o soberanismo e a esquerda

Comparte:

Share on facebook
Share on twitter
Share on whatsapp
Share on telegram

As últimas entradas

Por dignidade e coherencia, non debemos apoiar un novo goberno do PSOE

Para comezar sequera a falar de novos acordos ou posíbeis apoios a un goberno estatal, o mínimo esixíbel -por unha cuestión de dignidade política non só como organización senón como pobo- sería o cumprimento íntegro do xa asinado no seu día e a reversión dos recortes, medidas antipopulares ou retrocesos da última lexislatura. 

Sobre a situación en Palestina

O Movemento Arredista, fiel aos seus principios de solidariedade internacionalista e loita contra toda forma de opresión, desexa expresar a súa posición fronte aos acontecementos recentes en Palestina. Historia e contexto: Non se pode comprender a situación actual sen recoñecer a historia de desprazamento e opresión que sufre o pobo palestino desde hai máis de