Para este Día da Patria, desde o Movemento Arredista quixemos centrar a nosa campaña política na observación e recoñecemento das experiencias históricas que posibilitaron que no presente ano 2025 exista un movemento articulado de reivindicación da independencia nacional e o socialismo como vía de construción dun mundo efectivamente xusto.
Expandindo todo o significado do lema “porque foron, somos”, non como simple homenaxe a quen loitou no pasado mais como compromiso firme co fluxo de ideas e accións que procuran a liberdade da nosa terra e da humanidade desde hai séculos, lanzamos a campaña O (noso) fío vermello. Como comunistas, infúndenos orgullo recoñecernos nos innúmeros momentos en que a nosa clase desafiou e conquistou o poder para desenvolver proxectos transformadores arredor do planeta. Como independentistas, infúndenos valor saber que continuamos o relevo de varias xeracións de militantes solidarias, críticas e creativas. Procuramos, co noso traballo de difusión, trasladar esa forza revolucionaria a cada vez máis camaradas, sumando máis persoas ao proxecto de transformación integral e internacional que é o socialismo.
Nesta campaña podes atopar análises, ideas e propostas con que achegarnos a temas de primeira orde aquí e hoxe. Animámoste a ler, debater, discutir e difundir os contidos que farán parte desta páxina web. Esperamos que esta compilación de textos contribúa a impulsar as vidas revolucionarias do futuro.