Asistimos a unha militarización acelerada dos estados europeos, incluído o Estado español, baixo o pretexto da falsa e inventada “ameaza rusa”. Todas as forzas sistémicas se adhiren a este proceso e a mediática bombardea continuadamente para impor ese relato dominante, espallar o medo e reforzar o apoio da poboación aos plans belicistas do imperialismo mentres criminalizan a “disidencia”.
Fronte a esta deriva, está a organizarse o movemento galego pola paz e contra a OTAN, promovido polo nacionalismo galego, que é a única forza con introdución social significativa na Galiza (e mesmo no Estado) que defende posicións antiimperialistas. Dito movemento pretende unha mobilización abranguente a partir da consigna da paz. Esta podería ligarse cun discurso enfocado en aspectos chave como o sinalamento da UE e a OTAN, entendendo a guerra como instrumento do imperialismo; o aliñamento do chamado “goberno progresista” español cos plans belicistas; a tendencia cara á fascistización das institucións europeas ou a denuncia das repercusións negativas que terá a reorientación da economía para a guerra e o aumento do gasto militar para as condicións de vida do pobo traballador (en termos de empobrecemento e regresión dos servizos públicos).
Aliás, tamén cómpre traballar desde outros ámbitos para reforzar as posicións antiimperialistas. Por exemplo, como levamos defendendo desde hai tempo desde o Movemento Arredista, o nacionalismo galego debe deixar de avalar o “goberno progresista” en Madrid, un goberno aliñado coa escalada belicista en curso, en consonancia coa natureza do PSOE como peza central ao servizo do capital imperialista. Do mesmo xeito, cómpre ligar a denuncia da escalada belicista coa defensa da terra e a loita contra o espolio colonial, cun proxecto como a Mina de Doade que servirá á axenda belicista da UE. Por outra banda, recoñecemos que o noso lugar, ao contrario que outras expresións políticas ligadas ao movemento antiimperialista, é a loita explícita contra as violencias que manteñen este sistema de organización económica e social (o sexismo e o machismo, a LGBTfobia e a transfobia, a xenofobia e o racismo…). Así mesmo, tamén rexeitamos as teorías da conspiración que axudan a caricaturizar o antiimperialismo.
Do mesmo xeito, desde a perspectiva dunha organización estratéxica como a nosa, apoiamos o desenvolvemento deste movemento pola paz e contra a OTAN centrado no país. Tamén apoiamos tacticamente as súas consignas “pacifistas”, na medida en que sirvan para mobilizar eses sectores máis amplos que rexeiten a tendencia belicista. Porén, ao mesmo tempo, cómpre un desenvolvemento ideolóxico máis profundo que axude a articular os sectores máis conscientes e achegue as ferramentas para o combate efectivo da ideoloxía dominante, reforzando o movemento pola paz e antiimperialista.
Dito desenvolvemento debe partir do coñecemento dos fundamentos do imperialismo como base para comprender as súas implicacións na loita de clases tanto nacional como internacional, posto que esta cuestión non é meramente “xeopolítica” senón central para a realización das nosas tarefas políticas. Nese sentido, a etapa imperialista do capitalismo configura unha división internacional do traballo que perpetúa o saqueo da grande maioría do globo a mans dunha minoría de estados centrais (representativos dunha pequena parte da poboación mundial) que viven do parasitismo e da captura do valor producido pola forza do traballo sobreexplotada do resto do mundo. Consecuentemente, o imperialismo tórnase o principal sostén do dominio do capital a nivel mundial, bloqueando o desenvolvemento autocentrado dos países imperializados, mentres que no centro os froitos do saqueo do resto do mundo poden servir de base para cooptar sectores significativos das traballadoras e garantir a paz social ao servizo da orde dominante. Isto, á súa vez, xera a base material para o predominio do oportunismo (nomeadamente socialdemócrata) no movemento obreiro e popular. O imperialismo tamén serviu históricamente para sortear as crises capitalistas no centro, obtendo lucros adicionais en base ao mencionado saqueo do resto do mundo, o que pode axudar a entender a actual escalada belicista promovida polos estados centrais e as súas estruturas.
En que medida é importante esta base ideolóxica para loitarmos contra a axenda imperialista e particularmente a militarización dos estados europeos? Pois ben, é preciso comprendermos a división centro-periferia atendendendo á totalidade do sistema imperialista mundial, o rol das formacións sociais en cuestión dentro dese cadro global e en particular o lugar no mundo que ocupa o noso país, reparando na colonización que padece a Galiza a mans do Estado español, mais tamén o noso encadramento (aínda que de maneira subordinada) dentro do Norte Global. Desde ese punto de vista, no contexto do Norte Global, tendo en conta que amplas capas da poboación son máis propensas ao seguidismo da ideoloxía dominante pola súa posición relativamente avantaxada (aínda que en declinio) froito da explotación do resto do mundo, non debemos colaborar de ningún modo na construción do “inimigo externo”. Isto vese, por exemplo, cando se focaliza na denuncia daquelas forzas enfrontadas á actual orde imperialista. Tal colaboración reforzaría ese seguidismo e as tendencias reaccionarias e belicistas en curso baixo a crenza de que Occidente é o “mundo democrático” e que sería unha loita do “xardín” (coas súas “democracias”) contra a “selva” (e os seus “réximes despóticos”) que “nos ameaza”, polo que deberamos supostamente prepararnos para a nosa “supervivencia”. Porén, para a humanidade, a principal ameaza é quen, alén de usar outros medios de dominación e agresión, como os económicos, culturais ou diplomáticos, promoveu as agresións contra Iugoslavia, Iraq, Libia ou Siria, así como a propia guerra da Ucraína desde o 2014, ademais de darlle plena cobertura ao ente sionista de Israel para o xenocidio contra o pobo palestino.
Nesa mesma liña, cómpre unha caracterización precisa do papel que xogan a UE e os estados europeos neste contexto. Existe a crenza de que serían meros vasalos do “amo ianqui” e que, por exemplo, a guerra da Ucraína iría en contra dos intereses europeos e das súas propias burguesías, respondendo unicamente aos intereses estadounidenses. Por outra banda, hai quen pensa que a nova fase nas relacións entre os EUA e os seus socios europeos implicará unha fragmentación do bloque imperialista nun breve espazo de tempo.
É certo que os Estados Unidos son o hexemón mundial e lideran de xeito indiscutíbel o seu bloque, até tal punto que os seus socios europeos son incapaces de competirlle esa posición. Vexamos senón o terreo militar, onde os EUA contan con máis de 800 bases militares arredor do mundo e mesmo ocupan militarmente o territorio europeo desde o fin da II Guerra Mundial. Porén, a UE e nomeadamente os estados centrais no seu seo partillan cos Estados Unidos a procura do seu botín imperialista nas diversas frontes bélicas que teñen abertas en común contra o resto do mundo, sendo certo que ao mesmo tempo os EUA subordinan e pretenden impedir que os seus socios europeos poidan tornarse en competidores. Tanto os EUA como os estados europeos comparten os mesmos inimigos a combater. Nese sentido, actualmente as diferenzas existentes entre uns e outros son tácticas, xa que os estados europeos avanzan na súa militarización acelerada co obxectivo de inclinar a balanza no terreo militar na guerra contra Rusia (diante da constatación de que actualmente son incapaces de subxugala militarmente), mentres que os EUA van focalizarse no Pacífico na guerra contra a China (alvo principal no concepto estratéxico da OTAN). Procuran, tanto os EUA como os seus aliados europeos, sortear a súa crise pola vía imperialista. Isto non quere dicir que, nun futuro, a militarización dos estados europeos poida levar a unha maior capacidade para competir contra o hexemón estadounidense. Nesa mesma liña, as contradicións que se albiscan (aínda que tamén gardan relación coa disputa entre fraccións do capital monopolista partidarias e contrarias á globalización) poderían ir en aumento.
Polo tanto, é necesario non perder de vista o carácter imperialista da propia UE e dos seus estados que xogan en moitos casos un rol dominante na división internacional do traballo, vivindo do saqueo do resto do mundo. Nese sentido, non se pode tratar a cuestión da soberanía destes estados centrais como se fosen do Sur Global e precisasen de liberarse do parasitismo imperialista, cando precisamente saen significativamente beneficiados dese parasitismo. Ao contrario, as súas aspiracións de “soberanización” serían reaccionarias e contrarias ás propias loitas de liberación das nacións oprimidas no seu seo, como a nosa. Outro tanto pode dicirse das apelacións a unha suposta “autonomía estratéxica” da UE que, como a “soberanización” anteriormente mencionada, sería meramente unha resposta fronte á decadencia europea para contar con máis marxe de manobra para manter ou incrementar a súa parte do botín imperialista fronte aos límites actuais. Polo tanto, cando se fala sobre a UE, hai que ter claro que o problema non é (só) a súa “dependencia” ou que non ten “axenda propia”, cando en verdade é esta a súa axenda e non podemos agardar outra cousa dunha alianza monopolista e imperialista como a Unión Europea. É preciso combater esta trampa ideolóxica propia da socialdemocracia europea que espalla a crenza nos “valores europeos” como representativos da “paz”, a “democracia” e os “dereitos humanos”, polo que sería suficiente simplemente con desenvolver eses “valores” sen someterse aos Estados Unidos.
Tendo as ideas claras e confrontando as distorsións ideolóxicas, podemos posicionarnos correctamente e desenvolver unha acción política revolucionaria no noso contexto, que reforce o movemento pola paz e antiimperalista. En coherencia co anteriormente dito, a posición que axuda a transformar o auxe belicista en confronto contra os inimigos de clase e nacionais, evitando enganos propios da ideoloxía dominante como a construción do “inimigo externo” ou a crenza nos “valores europeos”, é a defensa da derrota do bloque e as estruturas nas que estamos integradas. Eis a vía para educar as masas (ou, cando menos, os sectores con certa consciencia) na loita contra os inimigos a combater no noso marco nacional: o Estado español, a Unión Europea e a OTAN. Aliás, esta postura esta aínda máis xustificada cando dito bloque é o organizador da arbitraxe global do traballo ao servizo dos estados que viven do saqueo do resto do mundo, así como o meirande inimigo da paz e o principal vector da reacción e a contrarrevolución a nivel mundial.
Nesa mesma liña, debemos reforzar a idea de que a desestabilización e debilitamento da orde imperialista mundial pode ser favorábel aos procesos emancipadores como o noso, xa que un proceso desas características require non só da loita das clases subalternas mais tamén que as clases dominantes non poidan seguir exercendo a súa hexemonía como antes. Nese sentido, unha Unión Europea e unha OTAN máis débiles e inestábeis pode favorecer o noso proceso de liberación nacional contra o Estado español ao mesmo tempo que o desenvolvemento de dito proceso pode servir de base para unha maior organización e toma de consciencia das masas contra o imperialismo. O avance dos procesos emancipadores no mundo virá principalmente desde o Sur Global, mais desde o Norte Global, aínda que sexa máis difícil erguer un movemento de masas antiimperialista, debemos traballar no noso marco de actuación para que non sexa unha plataforma segura para o imperialismo, aproveitando a contradición nacional como catalizador no caso galego.
En definitiva, trátase de construír unha folla de ruta, partindo da necesaria claridade ideolóxica, que reforce o movemento pola paz e antiimperialista para avanzarmos na loita por unha República galega fóra da UE e a OTAN, como vía cara á construción do socialismo no noso país: o noso mellor contributo para un mundo en paz, sen explotación nin opresión.