Por dignidade e coherencia, non debemos apoiar un novo goberno do PSOE

Para comezar sequera a falar de novos acordos ou posíbeis apoios a un goberno estatal, o mínimo esixíbel -por unha cuestión de dignidade política non só como organización senón como pobo- sería o cumprimento íntegro do xa asinado no seu día e a reversión dos recortes, medidas antipopulares ou retrocesos da última lexislatura. 

En anteriores análises temos avaliado que o papel do nacionalismo galego no escenario estatal non debería limitarse a exercer como conseguidor de investimentos ou hipoteticas concesións do goberno estatal, senón que fundamentalmente debería axudar a avanzar o noso proxecto político de ruptura democrática, utilizando as institucións para debilitar un estado que consideramos irreformábel (independentemente de quen o goberne) e evidenciar a necesidade da soberanía para o noso pobo. Tamén temos avaliado o papel do PSOE como un dos principais piares do réxime español, por moito que se presente por veces como a súa cara amábel.

Estas reflexións que facemos como organización integrada no BNG están neste momento en sintonía xeral coas que foron aprobadas polo conxunto da fronte, tanto no seus textos asembleares como nos seus programas, con independencia de que a práctica concreta se axuste máis ou menos a elas en cada momento.

Partindo pois destas análises xerais, queremos posicionarnos ante a posíbel investidura dun novo goberno liderado de Pedro Sánchez e a posición de voto do BNG ao respeito, que cremos que en ningún caso debería ser de apoio ao mesmo.

Antes de máis, cómpre constatar o evidente: o PSOE incumpriu a maior parte do acordo de investidura asinado en 2020 co BNG, como se pode comprobar simplemente coa súa leitura e o contraste coa realidade. Este previsíbel desenlace, ademais de constatar novamente a nula fiabiidade dunha forza como o PSOE, debe facernos tirar conclusións e non pretender obter resultados diferentes se optamos por actuar agora da mesma forma.

Ademais disto, puidemos comprobar tamén ao longo da última lexislatura que este goberno defraudou boa parte das expectativas xeradas e incumpriu as súas promesas en relación á recuperación de dereitos recortados por anteriores lexislaturas do PP. Por citar só os casos máis evidentes, temos os exemplos da Reforma Laboral e da Lei Mordaza. Esta experiencia só pode levarnos a pensar que boa parte das medidas anunciadas para a próxima lexislatura, sendo xa de por si moi limitadas, van ficar novamente no papel. 

Porén, non só se incumpriron os acordos e compromisos de avances anunciados, senón que mesmo foron diversas as materias nas que houvo retrocesos evidentes mesmo en relación á situación previa:

  • As medidas para facer frente á crise de prezos foron totalmente insuficientes para paliar o empobrecimento da maioría social, o que contrasta cos beneficios millonarios das grandes empresas nestes anos. As traballadoras temos que pagar hoxe máis pola alimentación, os combustíbeis ou a vivenda, sen que os salarios e prestacións aumentasen nin de lonxe na mesma medida. Por tanto, a maioría vivimos agora obxectivamente peor que antes da chegada do dito “goberno progresista”.
  • Penalizouse ainda máis o acceso ás xubilacións anticipadas (dificultando o acceso da xente nova ao mundo do traballo) e recortáronse as pensións futuras da maioría da poboación pola vía do aumento do período de cálculo da mesma.
  • Ademais de que a Lei Mordaza segue plenamente vixente, introduciuse un novo delito de “Desordes públicas agravadas” no Código Penal, que poderá ser usado para perseguir máis duramente a mobilización popular pacífica.
  • O espolio do noso territorio coa escusa dunha transición enerxética ao servizo das grandes eléctricas tivo no goberno estatal o seu principal colaborador, modificando a lexislación para reducir ainda máis os controis sociais e ambientais do novos parques e macroparques eólicos. 
  • Non só se mantivo unha política migratoria que viola os direitos humanos, senón que foi nesta lexislatura que se chegou até o extremo de colaborar e, posteriormente, xustificar, un masacre como o da fronteira de Melilla em 2022, onde ducias de persoas migrantes foron asasinadas.
  • Foi precisamente este goberno o que elevou até niveis históricos os gastos militares (detraéndoos, obviamente, doutras partidas), aliñándose plenamente coa escalada militarista patrocinada pola OTAN.
  • Como ilustra o punto anterior, na política internacional non só se mantivo unha continuidade en liñas xerais coa de anteriores gobernos, senón que se foi máis lonxe e se deron pasos que a dereita non se atrevera a tomar, como a asunción formal da proposta marroquina para consolidar a ocupación do Sahara Occidental.
  • Por último, temos que denunciar algo especialmente grave que estamos a comprobar nestas últimas semanas: este goberno escolleu aliñarse ao vergoñento consenso europeo que, novamente da man dos EUA e, baixo o pretexto do “dereito á defensa” de Israel, convalida a nova fase do xenocidio en marcha contra o pobo palestino.

Nesta nova lexislatura, independentemente dos acordos que se podan concretar con outras forzas, por exemplo en relación ás consecuencias penais do proceso independentista catalán, que en calquer caso non afectarán ás causas do conflito -como xa deixou claro o PSOE-, as expectativas que podemos ter non son mellores que as dos últimos anos.

Tanto os factores internos como externos convidan a pensar que este goberno estará de feito máis á direita que na lexislatura anterior. En primeiro lugar, porque a súa composición despois dos resultados electorais de xullo vai ser ainda máis favorábel ao PSOE, e tamén porque os seus apoios á esquerda están nun proceso evidente de viaxe ao centro e o abandono de calquera resquicio de posición rupturista ou sensíbel ás reivindicacións soberanistas. Por outro lado, o contexto no que actuará o novo executivo xa non vai ser o que abriu a xestión post-pandemia: a UE volverá aplicar as regras de déficit e xa está esixindo o pagamento das facturas dos fondos europeos en forma de recortes e aliñamento á axenda neoliberal, algo que o futuro goberno non terá vontade de evitar nin de confrontar. Neste escenario, sería un erro deixar que a dereita e a extrema dereita sexan quen canalicen en exclusiva a oposición a un goberno que terá un carácter cada vez máis impopular. As consecuencias diso xa levamos anos comprobándoas no resto do continente e do planeta.

Por todo o dito, pensamos que para comezar sequera a falar de novos acordos ou posíbeis apoios a un goberno estatal, o mínimo esixíbel -por unha cuestión de dignidade política non só como organización senón como pobo- sería o cumprimento íntegro do xa asinado no seu día e a reversión dos recortes, medidas antipopulares ou retrocesos da última lexislatura. 

Por experiencia e polas súas propias declaracións, sabemos que mesmo estes mínimos están moi alén do que o PSOE está disposto a aceptar, polo que non consideramos que dar novamente apoio a un goberno como este a cambio de novas promesas -que sabemos que non van cumprir- sexa unha opción que debamos contemplar.

Neste caso, aliás, nen sequer é xa aplicábel a eterna chantaxe que nos obrigaría a viabilizar o “mal menor” frente á ameaza da dereita, pois o noso voto non é aritmeticamente necesario.

A nosa acción institucional debe ser coherente co noso programa electoral, coa caracterización que colectivamente facemos dunha forza como o PSOE e sobre todo co que día a día defendemos nas rúas. Nestes anos, xunto ao noso pobo, manifestámomos en diversas ocasións contra a xestión gubernamental da crise de prezos, contra os recortes das pensións, contra a manutención da Lei Mordaza e a introdución de nova lexislación represiva, contra o espolio eólico, pola paz na Ucrania e contra a escalada militarista, pola descolonización do Sáhara e agora polo fin da complicidade con Israel. Non sería comprensíbel que agora avalásemos co noso voto o mesmo goberno contra o que saímos ás rúas e que non ten ningunha vontade de revertir ou modificar algunha desas políticas.

Por dignidade, por coherencia e para poder desenvolver unha oposición á alturas das demandas e das expectativas do noso pobo, non debemos facer parte da base de apoio deste goberno. Pola contra, debemos utilizar as institucións estatais como altofalante das demandas populares, espazo de denuncia do réxime e panca de avance para o noso proxecto soberanista e transformador.

Comparte:

Share on facebook
Share on twitter
Share on whatsapp
Share on telegram

As últimas entradas

Sobre a situación en Palestina

O Movemento Arredista, fiel aos seus principios de solidariedade internacionalista e loita contra toda forma de opresión, desexa expresar a súa posición fronte aos acontecementos recentes en Palestina. Historia e contexto: Non se pode comprender a situación actual sen recoñecer a historia de desprazamento e opresión que sufre o pobo palestino desde hai máis de

[Dia da Patria 2023] Ergamos as nosas bandeiras

Este Día da Patria celébrase nunha conxuntura marcada por un contexto económico cada vez máis complicado para a maioría social e polo resultado das eleccións españolas. Ambos factores, ligados entre si, debuxan un panorama difícil ante ao que deberemos saber responder como movemento político, analizándoo acaídamente e con respostas á altura das necesidades do noso