Transformando desde o local. Encontro aberto sobre políticas locais e transformación social.

Crónica do Encontro Aberto "Transformando dende o Local" do sábado 19 de febreiro no Centro Sociocultural Fontiñas de Compostela.

Desde o Movemento Arredista celebramos o pasado sábado 19 de febreiro o Encontro Aberto “Transformando dende o local” en Compostela. A xornada abordou a relación entre políticas locais e transformación social, en torno a cuestións como a participación social dende os concellos, a recuperación de servizos a mans públicas, a construción nacional dende o local e a necesidade de erguer e soster iniciativas sociais que desborden os marcos impostos polo sistema.

Coa ollada posta no reforzo do traballo social e dun traballo institucional ao servizo do avance do proxecto soberanista e a xustiza social, tivemos a ocasión de achegarnos ás experiencias de compañeiras da Galiza, Euskal Herria, Cataluña, Aragón ou Italia, para procurar colectivamente máis e mellores ferramentas coas que intervir políticamente no noso país.

Na sesión da mañá as intervencións e os debates centráronse na participación social e a recuperación dos servizos mans públicas. Na primeira mesa “Modelos de participación social dende os Concellos” contamos coa presenza de Secundino Casal, Alcalde de San Sadurniño polo BNG, que relatou a experiencia dos orzamentos participativos, proceso que permitiu ás veciñas tomar parte da vida institucional, coñecer e tratar á equipa de goberno e achegar as súas inquietudes en forma de demandas e propostas para destinar a parte do orzamento municipal que se marcou para cada parroquia. A seguir interveu Silvia Marañón, Alcaldesa de Etxarri-Aranatz por EHBildu, que explicou a participación das veciñas a través de diferentes comisións municipais nas que institución, veciñanza, tecido asociativo e económico atopan un espazo de encontro e toma de decisión sobre a política local. Arnau Comas, da CUP, analizou o proceso de organización popular que supuxeron as consultas locais pola independencia e o seu papel no proceso soberanista, e Anchel Reyes de Empenta Artieda expuxo o modelo social que permitiu recuperar poboación no rural aragonés a través da participación veciñal.

A segunda mesa da mañá serviu para achegarse a diferentes experiencias de recuperación de servizos municipais a mans do pobo e de xestíón pública dos mesmos. María Lago, do BNG de Muros analizou a experiencia da xestión mancomunada do lixo que permite aos concellos máis pequenos manter un servizo público que individualmente non sería posíbel. Diego Lourenzo, Tenente de Alcalde de Verín co BNG, explicou como a aposta firme polo público e un traballo incansábel permitiu a este concello do interior ourensán recuperar servizos como a ORA, a limpeza de edificios, a viaria ou a axuda a domicilio a mans públicas. Pilar Castillejo, de Municipalistas pola República e Tenente de Alcalde de Ripollet, puxo sobre a mesa a enorme dificuldade que teñen os concellos para recuperar a xestión da auga a mans públicas consecuencia da lexislación española deseñada para favorecer os intereses do capital, dificuldade que conseguiron vencer con empeño e un esforzo técnico e político importantísimo. Xabier Lertxundi, Alcalde de Hernani con EH Bildu e militante de Sortu presentou o proxecto “Hernani Burujabe”, que iniciaron hai dous anos, dirixido a camiñar cara á soberanía desde a política local en diferentes eixos de traballo como a enerxía, a alimentación ou os coidados, contando coa sociedade organizada e o tecido económico local. Para rematar Víctor Iguácel de Ixambre S. Coop exemplificou co proxecto de wifi comunitario de Artieda que dende o local podemos combater as lóxicas capitalista do mercado.

Na sesión de tarde tivemos as mesas “Contrución nacional desde o municipal” e “O local como ámbito de conflito. Desbordar os marcos institucionais”. A primeira abriuna José Emilio Vicente, militante do Movemento Arredista, que analizou as dificultades mais sobretodo as posibilidades que ofrece o ámbito local e en particular as institucións municipais para facer a avanzar o noso proxecto de liberación nacional. A seguir, Guillem Fuster -portavoz nacional de Poble Lliure e membro do goberno do Consell per la República- falou de estratexias para, nesta encrucillada na que se atopa o proceso soberanista catalán, seguir a contruir república desde o local e avanzar no proceso de deslexitimación do réxime e do estado español. Xabier Lertxundi interviu tamén nesta mesa, desta volta para falar das estratexias que lles permiten reforzar a comunidade nacional vasca e o proxecto soberanista desde os concellos.

Na segunda mesa da tarde, coa que pechamos a xornada, achegámonos a diversas experiencias que construen poder popular por fóra dos limites institucionais e contra as súas imposicións, e tomaron o protagonsimo diferentes movementos socias. Marta Santos, das Escolas Nacionais de Ensino en Galego Semente analizou o papel destas na defensa da lingua e no impulso dunha comunidade que constrúe un futuro para a lingua dende o comunitario. Roi Cuba, de ADEGA, trasladou a importancia das políticas de custodia do territorio e dos programas ambientais máis ligados á terra para avanzar na transformación social. Afonso Torrado, de Xermolos, a asociación que dende 1980 celebra o Festival de Pardiñas, defendeu a necesidade da cultura e da súa defensa como espazo de construción nacional desde o local. Nesta mesa tivemos tamén a ocasión de contar cunha intervención de Mimmo Lucano e coa presenza na sala do seu avogado Gianmichele Bosco, que nos falaron de como a aposta por unha política de integración das persoas migrantes nesa pequena poboación de Calabria mudou a vida das veciñas e desafiou a lóxica xenocida da política migratoria de Europa e o Estado italiano, e como isto supuxo a persecución política e condena de 13 anos de cárcere para Mimmo que se mantén firme, sostendo que non se arrepinte e que vovlería actuar da mesma maneira.

Todas as mesas contaron cunha ampla participación e con moitas intervencións dende o público, que permitiron ampliar as análises, pór en común as ideas e aprender das diferentes experiencias. Un intercambio que sen dúbida permitirá aproveitar estas aprendizaxes para intervir socialmente e para facer máis e mellores políticas nas nosas nacións. Unha oportunidade para reafirmarmos a centralidade da construción nacional e a transformación social na política local. Iniciativas sociais e institucionais audaces e imaxinativas, que abren camiños e reforzan o combate a un capitalismo que toma a nivel local formas como as privatizacións de servizos e, no noso caso, dun réxime do 78 cunha crecente pulsión recentralizadora que impón unha lexislación cada vez máis limitadora das posicións políticas que aspiran a mudar a realidade.

Comparte:

Share on facebook
Share on twitter
Share on whatsapp
Share on telegram

As últimas entradas

Por dignidade e coherencia, non debemos apoiar un novo goberno do PSOE

Para comezar sequera a falar de novos acordos ou posíbeis apoios a un goberno estatal, o mínimo esixíbel -por unha cuestión de dignidade política non só como organización senón como pobo- sería o cumprimento íntegro do xa asinado no seu día e a reversión dos recortes, medidas antipopulares ou retrocesos da última lexislatura. 

Sobre a situación en Palestina

O Movemento Arredista, fiel aos seus principios de solidariedade internacionalista e loita contra toda forma de opresión, desexa expresar a súa posición fronte aos acontecementos recentes en Palestina. Historia e contexto: Non se pode comprender a situación actual sen recoñecer a historia de desprazamento e opresión que sufre o pobo palestino desde hai máis de