Solidariedade coa Venezuela bolivariana fronte ao imperialismo!
Desde o inicio do proceso bolivariano en Venezuela en 1998 con Hugo Chávez á fronte e despois con Nicolás Maduro a partir de 2013, foron múltiples e variados os mecanismos empregados polo imperialismo, cos EUA á cabeza, xunto cos seus axentes internos no país, para agrediren e afogaren o pobo venezolano. Dentro deses mecanismos, atópanse as tentativas de golpes de Estado, guerra económica en forma dunha montaña de expropiacións ilegais de empresas públicas, confiscacións de activos, sancións, guarimbas, intensa propaganda e guerra cognitiva etc. Porén, desde hai uns meses, esas agresións e ameazas contra Venezuela agudizáronse significativamente, co despregamento de buques de guerra estadounidense bloqueando nas augas venezolanas e o altamar ndo Caribe, onde os EUA practican execucións extraxudiciais de pescadores de forma absolutamente arbitrarias para vendelo como “loita contra o narcotráfico”. Esta foi unha das acusacións lanzadas contra o goberno bolivariano, mentres, en realidade, son os EUA os principais promotores do narcotráfico a escala mundial. Porén, agora coa carauta fóra, deixan claro que o que procuran coa súa ofensiva contra a Venezuela é o saqueo dos seus recursos (nomeadamente o petróleo) co bloqueo naval e os actos de piratería que puidemos ver recentemente. Así mesmo, as institucións internacionais ao servizo do imperialismo evidencian abertamente o seu papel, preparando o escenario para a escalada da agresión contra a Venezuela; por exemplo, coa entrega do “Nobel da paz” para María Corina Machado, a líder da oposición de ultradereita que reclama unha invasión militar contra territorio venezolano.

Co seu longo historial de agresións contra a Venezuela bolivariana, ás que hai que engadirlle a escalada actual, o imperialismo procura destruír un proceso entregado á afirmación da soberanía nacional e o control dos recursos propios para o seu uso en favor das maiorías, alicerzado nunha unión cívico-militar que combina a organización popular co apoio das forzas armadas. Aliás, o dito proceso axudou a reimpulsar as loitas das oprimidas e explotadas do mundo, nun contexto onde a tese do “fin da historia” tiña especial forza. Ao mesmo tempo, cómpre encadrarmos esta nova fase na ofensiva contra Venezuela no contexto de escalada bélica mundial promovida polo Occidente imperialista, que pretende sortear a súa crise sistémica cunha aposta neocolonialista, mantendo e incrementando a explotación sistemática dos recursos naturais e da man de obra barata do resto do mundo en control dun núcleo reducido de estados centrais e o seu capital financeiro e monopolista. Dita dinámica enfronta crecentes resistencias e cuestionamentos por parte de forzas cunha capacidade económica, diplomática ou militar non desprezábel, polo que diante desas dificultades, o hexemón estadounidense tenta asegurar o control do que considera o seu “patio traseiro”, que sería a América Latina, por medio da mencionada ofensiva contra Venezuela, mais tamén coa intensificación do bloqueo contra Cuba ou mesmo ameazando outros gobernos progresistas da rexión; por moito que algúns destes últimos contribúan a criminalizaren a Venezuela.
Diante deste escenario, o nacionalismo galego mantén unha correcta posición antiimperialista, a diferenza doutras “esquerdas” occidentais, tanto no referente ao caso venezolano como noutros conflitos, posicionándose contra a axenda do bloque imperialista e o Estado español como parte do mesmo. En calquera caso, cómpre seguir reforzando a loita ideolóxica en chave antiimperialista, para elevarmos á consciencia das masas en xeral, comezando pola clarificación da propia base social nacionalista. Nesa liña, desde o Movemento Arredista, en tanto que organización estratéxica que aspiramos a articular aos sectores máis conscientes en chave comunista e independentista, a nosa tarefa é dotármonos das ferramentas para contribuírmos á clarificación ideolóxica nos nosos ámbitos de actuación e espazos de masas. Do mesmo xeito, apoiamos as iniciativas de solidariedade coa Venezuela que están a ser articuladas no noso marco nacional e nas que o nacionalismo galego está a ter un papel dinamizador.

No Norte Global, a meirande parte da poboación compra o relato dominante no que a Venezuela e os procesos antiimperialistas en xeral serían “réximes autoritarios”, dentro da falsa dicotomía liberal entre “democracias” e “autoritarismos” e tomando as democracias burguesas occidentais como referencia para os estándares “democráticos”. Alén da propaganda imperialista, a explotación do resto do mundo, que cría unhas condicións relativamente avantaxadas (a pesar da actual tendencia á precarización vital e laboral mesmo nesta parte do mundo), serve de base material que reforza a ideoloxía dominante nas súas diversas versións, contribuíndo á minorización das posicións antiimperialistas. A Galiza, en tanto que periferia do centro imperialista, non é totalmente allea a esta dinámica, a pesar do papel do nacionalismo organizado. Nese sentido, cómpre evidenciarmos que as democracias liberais perpetúan o dominio do capital e o imperialismo, que non dubidarán en usar a violencia aberta contra calquera proceso que cuestione os seus intereses, polo que calquera experiencia (incluído o proceso de liberación nacional galego) que aspire a mudanzas profundas alén do turnismo electoral, precisará usar o poder e a forza para se defender. No caso venezolano, a pesar das evidencias de que o seu sistema electoral cumpriría cos propios estándares das democracias burguesas, existen experiencias como as comunas que apuntan á superación deste marco, en tanto que proxectos de poder popular, baseados na democracia participativa e na construción dun modelo produtivo baseado nas necesidades sociais e non no lucro privado. Así mesmo, diante das crecentes agresións e ameazas imperialistas, Venezuela está armando o pobo traballador, cumprindo literalmente coa sentenza de que “a única garantía de democracia é un fusil aos ombros de cada obreira”.
Para a reprodución do relato dominante que criminaliza a Venezuela e os procesos antiimperialistas, contribúe tamén certo comunismo occidental, nomeadamente pola incomprensión das especificidades da etapa imperialista do capitalismo e as súas implicacións na loita de clases internacional e dentro de cada país, ao non asumir a división existente entre o centro imperialista e os países explotados polo imperialismo. Dita incomprensión está vencellada á debilidade do movemento comunista internacional, agravada no Norte Global pola mencionada explotación do resto do mundo. Isto favorece a oscilación entre unha política de conciliación de clases que renuncia ou adía a loita polos obxectivos estratéxicos, ou por outra banda, converter estas metas nunha entelequia abstracta, disociadas do movemento real e da comprensión das condicións que posibilitan a súa consecución. No caso venezolano, atopan como escusa o feito de que unha fracción do Partido Comunista de Venezuela rexeite o proceso e colabore na práctica co imperialismo, apresentando esta fracción como suposto garante de “pureza revolucionaria”. Esta fracción, que xustificou a ruptura da unidade antiimperialista en defensa da revolución bolivariana en base a unha retórica esquerdista sobre a suposta “traizón” de Maduro ao legado chavista, pasou a apoiar nas últimas eleccións presidenciais venezolanas a un candidato de dereita, entreguista, proimperialista e privatizador como Enrique Márquez, así como mesmo a apelar á unidade das “forzas democráticas” contra o “autoritarismo”, e agora diante das crecentes agresións contra Venezuela (aínda que afirme oporse ás mesmas) chama á destitución de Maduro.

Este tipo de posicións contrarias á loita antiimperialista, non son exclusivas para o caso venezolano, evidenciando por exemplo unha incomprensión de como poden avanzar os procesos revolucionarios, no referente á ligazón entre as loitas antiimperialistas no Sul Global e a perspectiva socialista. Nese sentido, cómpre termos en conta que a relación entre a contradición esencial (capital contra traballo) do modo de produción capitalista e a súa manifestación principal na época do imperialismo (centro imperialista contra países imperializados) non é mecánica ou inmediata. Isto leva a que certo esquerdismo defenda posicións refractarias cara os procesos antiimperialistas que non teñan un carácter “proletario” ou “socialista”, mais é no curso do confronto contra o imperialismo desde o Sul Global que pode emerxer o socialismo como verdadeira alternativa para garantir un desenvolvemento autocentrado nestes contextos e que derrube o parasitismo imperialista. Así pois, ten máis importancia o avance no movemento real asociado á loita antiimperialista, e a capacidade das comunistas para referenciarse na mesma, do que as declaracións ideolóxicas nominais. A práctica sitúa a cadaquén no seu sitio: pode haber forzas a priori máis “atrasadas” ideoloxicamente que exercen un papel antiimperialista, así como outras a priori máis “avanzadas” poden posicionarse a carón do imperialismo. No caso venezolano, a revolución bolivariana foi a resposta patriótica e interclasista á brutal miseria imposta polo saqueo imperialista en colaboración coa burguesía entreguista interna, un proceso no que as masas están a adquirir maior consciencia e organización a partir da súa experiencia enfrontando as agresións mencionadas.

Outra trampa que cómpre combatermos, na liña do que comentamos anteriormente, é aquela que pretende separar a Maduro de Chávez, calificando ao primeiro como un “traidor” ao legado chavista. Cómpre termos claro que é con Maduro como presidente cando se intensifican as variadas formas de agresión imperialista contra Venezuela. Non se poden abstraer as limitacións dos procesos emancipadores das condicións impostas pola dominación imperialista mundial. Por unha banda, por que estes procesos adoitan partir en países cun rol subordinado na división internacional do traballo, onde a explotación imperialista bloquea o desenvolvemento das forzas produtivas. Aliás, no caso venezolano, trátase dunha economía historicamente voltada ao extractivismo petroleiro. Por outra banda, os procesos emancipadores pioneiros, enfróntanse ao cerco imperialista e ás súas tentativas desestabilizadoras e de mudanza de réxime, como é tamén o caso de Venezuela. Finalmente, é unha práctica habitual o uso manipulado por parte do sistema dalgunhas das nosas referentes pretéritas, en particular contra procesos que seguen en pé como neste caso, co gallo de criar confusión no noso campo e favorecer o seguidismo á axenda sistémica.
Por tanto, cómpre intensificarmos a loita ideolóxica en chave antiimperialista. No último tempo houbo unha intensa vaga global de mobilizacións solidarias coa Palestina, tamén na Galiza, que pode axudar a abrir fendas nas propias sociedades do Norte Global. Porén, esa amplitude mobilizadora semella ser moito menor por exemplo fronte ás agresións contra a Venezuela, polo que se a solidariedade coa Palestina non vai parella a unha perspectiva antiimperialista integral, pode ficar no moralismo cristián e o humanitarismo. Nese sentido, nomeadamente no actual contexto de escalada bélica mundial, non é posíbel separarmos os focos de agresión imperialista e de resistencia fronte ás mesmas: Palestina e o conxunto de forzas resistentes en Asia Occidental, Venezuela e América Latina, Sahel, Donbass etc. En xeral, o Occidente imperialista é o principal vector da reacción a nivel mundial. Por outra banda, como nacionalistas e independentistas galegas, non debemos caer no erro de reducir a cuestión nacional ao terreo formal, xa que a cuestión nacional segue a xogar un papel central, aínda que actualmente a meirande parte dos países oprimidos e agredidos polo imperialismo sexan formalmente independentes, como é a Venezuela.

Se asumimos as especificidades da época do imperialismo, temos que ter claro o noso lugar no mundo e as nosas tarefas no noso contexto nacional. O papel dos procesos antiimperialistas e revolucionarios que emerxen no Sul Global é abrir o camiño da emancipación das oprimidas e explotadas, mentres que o noso é defendermos a derrota do bloque imperialista e do Estado español, como parte do mesmo, nas súas agresións contra Venezuela e contra os pobos do mundo, ao mesmo tempo que desde a Galiza avanzamos no noso proceso de liberación nacional, facendo que o noso país non sexa unha retagarda segura para o imperialismo. Para iso, cómpre tamén extraermos valiosas leccións da Venezuela bolivariana e os procesos antiimperialistas e revolucionarios no Sul Global, desbotarmos calquera lectura eurocéntrica e comprendermos as condicións para a nosa emancipación, como parte da loita pola emancipación das oprimidas e explotadas do mundo.



