Somos unha organización con vocación revolucionaria, centrada na construción de poder popular, a mobilización e a confrontación co sistema. Elaboramos e desenvolvemos propostas e accións políticas que enmarquen nunha perspectiva estratéxica ás loitas que día a día constrúen unha realidade diferente. Para iso, analizamos a realidade e intervimos nela para transformala, desde posicións abertamente independentistas, que aposten pola superación do capitalismo e a construción do socialismo e que asuman unha perspectiva consecuentemente feminista.
Desde esas bases, apostamos pola suma de forzas e a unidade de acción en todos os ámbitos. Particularmente, traballamos para reforzar o sindicalismo de clase encarnado pola CIG e por extender a influencia do Bloque Nacionalista Galego (BNG), fronte que representa a expresión unitaria do nacionalismo galego pola soberanía, a ruptura democrática e o progreso social. A nosa militancia, portanto, fai tamén parte do BNG.
Queremos contribuír a revitalizar e remotivar as bases da esquerda soberanista para que os avances electorais se concreten en máis organización, máis loita e máis conciencia nacional e de clase.
O centro da nosa acción política está na construción diaria desde abaixo e na acumulación de forzas a todos os niveis por medio da creación de tecido social, da mobilización e da politización dos conflitos. A nosa prioridade é crear organización desde a base, visibilizar alternativas no día a día e dinamizar a acción colectiva de masas, sen renunciar á desobediencia fronte aos marcos impostos polo réxime e polo capital.
Entendemos a necesidade do traballo electoral/institucional sempre como un medio máis para acumular forzas e non como fin en si mesmo, poñéndoo ao servizo do proxecto colectivo e como ferramenta non só de xestión, senón de transformación e desestabilización desta orde inxusta.
Organizámonos en base ao asemblearismo, a dirección colectiva e a democracia interna. Acreditamos nos valores da militancia, o compromiso e a solidariedade para construir mancomunadamente un espazo onde todas as forzas sumen e todas as voces conten.
Independencia
Defendemos o exercicio do noso dereito de autodeterminación para construir a República Galega, por medio dun proceso constituínte que poña a palabra e a decisión nas mans do pobo e implique unha verdadeira transformación social desde bases diferentes.
Socialismo
Recoñecémonos como comunistas e asumimos como prioritaria a loita de clases como motor de transformación da historia, traballando co horizonte da superación da ditadura do capital e a construción da democracia socialista.
Feminismo
Asumimos a loita contra a opresión da metade da humanidade como un obxectivo inadiábel. Entendemos o combate ao patriarcado e a todas as formas de dominación como unha ferramenta imprescindíbel para derrubar o capitalismo e construír unha sociedade xusta.
Organízate connosco!
Para revitalizar a vida orgánica do BNG, para sumar o teu traballo militante individual ao colectivo, para coñecer e transformar a realidade do país, para xerar dinámicas municipalistas, para impulsar espazos de formación e debate, para construír referentes feministas, comunistas e independentistas, para achegar debates e propostas ao soberanismo galego. Cantas máis sexamos, máis cousas seremos capaces de facer.
Podes participar de diferentes formas:
- Militante. Ser militante significa participar no día a día da organización, nos debates e na actividade política propia e a que desenvolvemos nos diferentes ámbitos de actuación (BNG, CIG, movementos asociativos, Centros Sociais…)
- Adherente. Queremos favorecer que as persoas que neste momento teñan menos disponibilidade tamén podan facer parte activa da organización na medida das súas posibilidades, para iso existe este chanzo de participación máis flexíbel na implicación no día a dia.
- Simpatizante Recibirás regularmente información das nosas análises, iniciativas e actividade política.