Unha organización revolucionaria

É imprescindíbel organizarse. Reafirmámonos na necesidade dunha organización con vocación estratéxica e capacidade de analizar a realidade para intervir nela en todos os ámbitos. Un espazo político con perspectiva abertamente revolucionaria e confrontada ao actual sistema, capaz de elaborar propostas políticas que enmarquen e dean un sentido abranxente ás loitas que día a día constrúen unha realidade diferente.

Queremos construír un proxecto radical no fondo e nas formas, non asimilábel polo sistema, asentado na nosa realidade e con votade de suma. Temos o convencemento de que, aínda que non existen atallos para a nosa liberación colectiva, as nosas aspiracións e obxectivos están plenamente vixentes e non admiten renuncias nin abandonos.

Por todo isto, xuntamos máis forzas e ideas para fortalecer unha ferramenta política ao servizo do noso pobo, que interveña activamente na sociedade con humildade mais con firmeza e audacia, con vontade de gañar a referencialidade por medio do traballo diario, o compromiso militante e a solidariedade coa causa das oprimidas.

Un proxecto para a construción de poder popular: A centralidade da nosa acción política está na construción diaria desde abaixo e na acumulación de forzas a todos os niveis por medio da creación de tecido social, da mobilización, e da politización do conflito. A nosa prioridade é crear organización desde a base, visibilizar alternativas no día a día e dinamizar a acción colectiva de masas, sen renunciar á desobediencia fronte aos marcos impostos polo réxime e polo capital.

Entendemos a necesidade do traballo electoral/institucional sempre como un medio máis para acumular forzas e non como fin en si mesmo, poñéndoo ao servizo do proxecto colectivo e como ferramenta non só de xestión, senón de transformación e desestabilización desta orde inxusta. Uns espazos útiles para facermos patentes os límites que nos impoñen, forzalos, e evidenciar a necesidade de transcender os actuais marcos.

Neste momento de desmobilización xeral, queremos contribuír a revitalizar e remotivar as bases da esquerda soberanista para que o avance electoral dos últimos tempos se concrete en máis organización, máis loita e máis conciencia nacional e de clase.

Traballamos coa vontade de potenciar e pór en primeiro plano o debate e a formación no conxunto da sociedade e particularmente no movemento soberanista.

Suma de forzas soberanistas e unidade de acción. Defendemos o reforzamento, desde posicións revolucionarias, do BNG como fronte de masas do soberanismo, da CIG como proxecto de defensa e de autoorganización da clase obreira, e de todos os espazos de organización popular en todos os ámbitos.

Apostamos pola construción e o impulso mancomunado de espazos amplos, plurais e abertos a todos os niveis, desde compromisos programáticos claros e mínimos comúns, e asumindo formas de intervención democráticas, respectuosas e non sectarias.

O reforzamento do noso propio espazo político non está destinado nin á autorreferencialidade nin ao illamento, senón que, ao contrario, proxéctase na vontade de sumar ideas e mans aos movementos sociais do país.

Por iso, desde o feminismo de base até o movemento en defensa da lingua, o ecoloxismo, o asociacionismo cultural, os centros sociais… contribuiremos a organizar cada vez máis pobo e a tecer complicidades, alianzas e horizontes comúns para as diferentes loitas.

No BNG e na CIG, como principais organizacións de referencia do espazo soberanista, impulsaremos espazos de intervención no seu seo que transcendan a nosa propia organización, sumando compañeiras/os que se identifiquen coas nosas propostas para eses espazos plurais e frentistas.

Consideramos prioritario impulsar espazos de diálogo e interlocución do conxunto do movemento soberanista nas súas diferentes expresións, con capacidade de pór en común, contrastar e planificar colectivamente cuestións de tipo táctico e estratéxico e trazar unha folla de ruta común, que vaian alén do inmediato e da intervención concreta en cada ámbito.

Desde unha defensa firme do principio de autoorganización do noso pobo, non renunciamos ao traballo conxunto puntual con outras expresións da esquerda transformadora que actúen no país, mais sempre actuando desde unha delimitación clara coas forzas do réxime.