Ideas para fortalecer o BNG, camiñando cara á XVII Asemblea Nacional

Para contribuír a enriquecer o debate e coa vontade de sumar para afortalar o BNG, dende o Movemento Arredista lanzamos o documento "Debater, Organizar e mobilizar dende o soberanismo e a esquerda".

Debater, organizar e mobilizar desde o soberanismo e a esquerda

O vindeiro 7 de novembro terá lugar na Coruña a XVII Asemblea Nacional do BNG e dende o Movemento Arredista pensamos que esta asemblea, con todos os retos que ten o soberanismo por diante nos próximos meses e anos, é fundamental para reactivar o debate debate colectivo que está a perder cada vez máis protagonismo nas organizacións sociais e políticas do país. Un debate que nos permita analizar e facer un bo diagnóstico das prioridades e liñas de intervención política que será necesario abordar nos próximos tempos se queremos avanzar con garantías como movemento político ao servizo da emancipación do noso pobo.

O proceso asemblear que comeza coas asembleas comarcais e remata na Asemblea Nacional, principal foro de expresión e debate da militancia do BNG, debe servir para pór en común as nosas ideas e propostas nun clima de confianza e honestidade que nos permita abordar os consensos e os disensos para avanzarmos no fortalecemento da fronte.

Para contribuír a enriquecer o debate e coa vontade de sumar para afortalar o BNG, dende o Movemento Arredista publicamos o documento “Debater, Organizar e mobilizar dende o soberanismo e a esquerda” no que analizamos cales son os principais debates que temos por diante e as liñas nas que cremos que é preciso investir tempo, recursos e esforzos colectivamente nos próximos anos. 

Acompañando esta análise iniciamos unha xeira de actos abertos por diferentes localidades do país para contrastar coa base social do BNG as nosas propostas, para debater, pór en común e sobre todo recoller as inquedanzas, preocupacións e ideas da militancia de cara aos debates comarcais e á propia Asemblea Nacional.

Tamén podes ler o documento en Calameo:

Texto íntegro:

IDEAS PARA FORTALECER O BNG
Debater, organizar e mobilizar desde o soberanismo e a esquerda

A pandemia e as restricións derivadas dela limitaron os espazos de encontro, reflexión e posta en común. Este escenario agravou unha situación en que o debate colectivo xa estaba perdendo cada vez máis protagonismo nas organizacións sociais e políticas do país, no marco dunha progresiva desmobilización que dificultaba a capacidade de análise e resposta colectiva.

Pensamos que esta Asemblea Nacional do BNG, con todos os retos que ten o soberanismo por diante nos próximos meses e anos, é fundamental para comezar a reverter esa tendencia e facermos un diagnóstico sobre as prioridades e debates que será necesario abordar nos próximos tempos se queremos avanzar con garantías como movemento político ao servizo da emancipación do noso pobo. 

A Asemblea Nacional é o principal foro de expresión e debate da militancia, e debe ser entendida como tal e non como un evento mediático ou de precampaña. Para iso, é necesario sermos quen de centrar os debates nas ideas coas que encarar esta nova fase, e non só nas persoas que liderarán a organización ou que lle porán cara nos próximos anos. 

Priorizarmos a acción social e o traballo de base

Debemos parabenizarnos polos avances electorais do nacionalismo galego nos últimos tempos, que foron quen de reverter en pouco tempo unha situación certamente complicada. Porén, eses avances en votos, en simpatía popular e mesmo en afiliación están lonxe aínda de concretarse a nivel social e de organización popular. Por iso, esa debe ser a prioridade nesta fase: fortalecer socialmente o avance do soberanismo, crear tecido organizado en todos os campos e mobilizar as capas máis conscientes da sociedade en chave soberanista e de ruptura democrática.

Precisaremos de toda a forza social posíbel para impulsar transformacións reais, tamén no institucional, e acelerar as demandas nacionais do noso país. Só da man de toda esa forza seremos quen de situar o soberanismo como síntese de todos os avances sociais que se poden acadar coa superación deste réxime.

É preciso adicar moitos máis recursos e forzas militantes ao traballo social, o único que garante transformacións sociais reais e con raíces sólidas. Mesmo se for preciso retraéndoos do electoral/institucional, invertendo as prioridades que moitas veces nos dificultan planificar traballo. A estratexia Avanza Galiza, aprobada colectivamente pola militancia do BNG, apunta moitas chaves de por onde camiñar. Porén, as inercias seguen a impedirnos moitas veces priorizar o verdadeiramente importante e pór o foco no traballo de longo alento, arrastrándonos moitas veces a traballar exclusivamente en base aos ciclos electorais e á nosa presenza nas institucións.

O fortalecemento dun movemento popular arredor de ferramentas como Vía Galega, o impulso de centros sociais, e expansión da rede de escolas Semente, a aposta por un feminismo autocentrado cunha axenda nidiamente galega  coordenado e aliñado a nivel nacional en chave soberanista, o antifascismo e a recuperación da memoria histórica… e en definitiva o potenciamento e o reforzo sen tutelas de movementos sociais autocentrados e con dinámicas nacionais en todos os ámbitos, son un traballo que probabelmente non dará réditos inmediatos, mais que é imprescindíbel se queremos construír a liberdade deste pobo sobre bases firmes.

Revitalizar a organización

Nos últimos anos, o BNG demostrou que, a pesar de todas as ameazas e debilidades, a persistencia dun potente e comprometido corpo militante e dunha organización con fondas raíces no pobo son as mellores garantías para a pervivencia dun proxecto político.  

Por iso, o reforzo da organización (que vai moito máis lento que o reforzo en votos) debe ser unha prioridade desta nova fase, habilitando ferramentas para a participación non só nominal de todas aquelas persoas que nos últimos tempos ollaron con simpatía para o soberanismo. Cómpre pór en valor o corpo militante do BNG, revitalizando a vida orgánica, facilitándolle espazos de participación, impulsando a formación, favorecendo a implicación da militancia a nivel social e criando novos espazos de intervención social que permitan recoller todas as forzas e todas as ideas. Darlle dimensión non só cuantitativa senón tamén cualitatitva ao fluxo de altas, revertendo a desmobilización e a falta de tensión militante. Partindo de que os modelos de participación deben ser flexíbeis e de que as dispoñibilidades son variábeis e cambiantes, cómpre favorecer unha maior implicación que permita converter a base do BNG non só nunha extensa rede de afiliados, senón sobre todo de militantes e activistas sociais, con todo o que iso implica.

Neste camiño, o BNG tamén debe ser quen de pór en primeiro plano un dos seus principais valores, que o singularizan fronte ás forzas sistémicas ou de éxito efémero: o valor do colectivo, das tarefas colexiadas e da pluralidade de voces e caras públicas, que faga depender o noso avance non das persoas que nos representen en cada momento, senón sobre todo do traballo mancomunado. No futuro poderemos acertar ou errar, mais a mellor garantía á hora de potenciar eses atinos ou corrixir as fraquezas é que as decisións sexan tomadas colectivamente, nos espazos democráticos que construímos entre todas.

Esa revivificación do debate colectivo debe impedirnos repetir nefastas tentacións do pasado, como a de utilizar os medios de comunicación do sistema como palanca privilexiada para condicionar as posicións nos debates internos do BNG. A lealdade á organización, que non é outras cousa que lealdade á súa militancia e aos procedimentos democráticos, debe guiarnos a todas as que, desde posicións diferentes, confluímos no proxecto BNG. Cremos que os últimos anos amosaron a vixencia do modelo frontista como o máis adecuado para recoller a pluralidade do soberanismo, e é nese marco que as diferentes perspectivas deben expresarse.

Unha liña política consecuentemente soberanista

Nos últimos anos, o BNG deu pasos firmes na clarificación da súa liña política e do seu horizonte estratéxico, demostrando que defender a autoorganización, fuxir de vías posibilistas e da homologación ás forzas tradicionais era compatíbel coa recuperación de apoio social e mesmo co avance electoral.

Aínda fican novos pasos por dar, como a asunción coherente dun horizonte abertamente independentista, o único posíbel no marco dun Estado que xa temos definido colectivamente como irreformábel. Porén, as principais limitacións agora mesmo están na correspondencia entre os obxectivos estratéxicos e a táctica inmediata, tanto no discurso do día a día como na práctica política que desenvolvemos. É importante termos claro cal é o destino cara ao que queremos camiñar colectivamente (a República Galega, segundo foi definido pola militancia do BNG), mais aínda o é máis saber cal será o camiño polo que avancemos cara a el, e sobre todo reflexionar sobre a forma en que o que facemos no día a día axuda efectivamente a que deamos pasos adiante. Para iso cómpre potenciarmos a formación, o debate e a reflexión colectiva a todos os niveis, garantindo que o que facemos hoxe, tanto a nivel social como institucional, nos permite avanzar cara ao horizonte que arelamos, máis alá da súa enunciación nos documentos ou nas datas sinaladas.

Precisamos para iso reconstruír unha cultura política que mediante o debate político e o intercambio de ideas dea resposta ás demandas inmediatas do pobo, mais non perda a perspectiva de incardinalas nunha folla de ruta máis ampla e ambiciosa que debe estar presente no día a día.

A anterior Asemblea Nacional do BNG aprobou impulsar unha alternativa propia coa que o soberanismo galego debería intervir con voz e propostas propias no recorrente debate sobre o marco xurídico-político da nosa nación. Así naceron as Bases Democráticas para unha nova Galiza, unha proposta fundamentada no dereito a decidir do noso pobo, asumindo que a autodeterminación non pode ser entendida por nós como un horizonte de máximos, senón como un mínimo democrático do que debe partir calquer proposta, mesmo táctica, nesta fase. Esta aposta, que enlaza historicamente coas Bases Constitucionais defendidas durante a chamada transición, debe ser reafirmada e popularizada, superando ambigüidades que poidan confundir ao colocar unha eventual reforma estatutaria como aspiración da Fronte. Un eventual debate sobre un novo status para o noso pobo debe servirnos precisamente para pór sobre a mesa a alternativa soberanista e facela avanzar social e institucionalmente, nunca para crear expectativas de reformar o que xa sabemos que é irreformábel. 

Neste sentido, a experiencia catalá deixa moitas aprendizaxes positivas e negativas que, sen mimetismos, debemos incorporar á nosa táctica e estratexia política: o esgotamento definitivo do autonomismo, a inevitabilidade da desobediencia e a conseguinte represión que haberá que saber enfrentar ou a necesidade da activación popular como vía de ruptura democrática son algunhas delas, e non poderemos obvialas de aquí en diante. 

A quen nos diriximos: as clases populares como suxeito político

Cremos que tamén cómpre seguir a clarificar colectivamente outro debate central da nosa acción política: a quen nos diriximos e quen son as destinatarias do noso proxecto político. Determinadas confusións arredor do que se entende por interclasismo poden levar a erros evidentes, como pensar que un proxecto antioligárquico como o da esquerda soberanista galega pode ter nalgún momento coincidencia de intereses coa grande burguesía do país. Evidentemente non é certo, e independentemente de que sectores da pequena burguesía poidan sentirse interpelados polo proceso de liberación nacional, debemos ter claro a quen nos diriximos e quen será o motor da nosa emancipación como pobo: a inmensa maioría que vive do seu traballo. A mesma á que o sistema intentará impor os retrocesos sociais que Estado e UE xa están a aplicar coa escusa da COVID-19. 

Este recrudecemento das consecuencias do capitalismo require de mensaxes e alternativas que nos coloquen como a ferramenta que precisa esa maioría social, con propostas avanzadas que anticipen os trazos do modelo social alternativo que defendemos, comezando pola defensa do control colectivo dos sectores fundamentais da economía e esixindo a reversión ao público de todos os ámbitos que foron privatizados pola diversas institucións nas que interveñamos.

As historia das crises capitalistas demostra que non é posíbel sair delas con “grandes acordos” nin por suposto apelando ao pacto social. A mobilización e a capacidade de loita dos sectores agredidos será a que determine que desta nova crise as clases populares non saiamos novamente derrotadas, e a contribuición do BNG nesa batalla debe ser clara e sen ambigüidades.

Esta posición antioligárquica debe levarnos a ser tamén consecuentes na relación cos medios de comunicación ao servizo dos poderes económicos e do españolismo, a quen debemos evitar alimentar e por suposto non permitir que marquen a axenda do BNG.

Enfrentar con garantías os debates dos próximos tempos

Os retos son moitos e tamén o son as respostas que debemos definir. A única garantía de estarmos á altura será que as construamos colectivamente, facendo partícipe á militancia e base social nacionalista da definición de alternativas en todos os ámbitos. Unha das prioridades é dar un fondo debate sobre as alternativas á crise climática e ambiental que se presenta como o maior reto que afrontará a humanidade nas vindeiras décadas. Debemos elaborar un discurso valente, coherente e construído colectivamente sobre isto e sobre como encaixar neste escenario a imprescindíbel defensa do territorio coa necesaria planificación dos modelos enerxético, alimentar ou industrial nunha Galiza sometida a unha ofensiva colonial pola extracción dos seus recursos naturais. Un debate que necesariamente debe incluír a defensa das traballadoras e de cambios e transformacións nos actuais modelos.

Tanto para este como para moitos outros debates, é fundamental que o conxunto do movemento soberanista camiñe acompasadamente e elabore diagnósticos e respostas comúns. Por iso pensamos que neste momento histórico é máis necesario que nunca construír un espazo de interlocución das organizacións políticas, sindicais e sociais soberanistas en que, en pé de igualdade, tracemos unha estratexia conxunta que nos permita avanzar colectivamente, cada quen desde o seu ámbito de intervención. Un espazo de confianza política no que os disensos e consensos se acepten como parte da lóxica pluralidade de axentes que comparten un obxectivo común nas diversas formas de intervir para conseguilo. Ese espazo debe ter mirada longa, vocación estratéxica e capacidade de definir follas de ruta e transcender as dinámicas nas que o urxente impide falar do importante.

Actuar nas institucións con vocación transformadora

Co BNG situado claramente como segunda forza electoral no parlamento autonómico e referencia da oposición ao PP, cómpre avaliar colectivamente a nova situación e as perspectivas que se abren, coa posibilidade de mesmo poder liderar por primeira vez na historia o goberno autonómico. Ese horizonte debe facernos, partindo das experiencias e aprendizaxes acumuladas -tanto positivas como negativas-, definir claramente que papel xogaría a presenza do BNG no Goberno da Xunta para o a avance da construción nacional. Desde a consciencia das limitacións dun marco político cada vez máis restrinxido, debemos saber cal é a mellor maneira de evidenciar eses límites e avanzar para trascendelos, fuxindo de todo conformismo perpetuador do actual statu quo.

De se daren as condicións para gobernar a Xunta, debemos entender a administración autonómica (como calquer outro espazo de xestión institucional) non como un fin en si mesmo, senón como un medio para avanzar nos nosos obxectivos políticos, que trascenden con moito as propias capacidades da institución. É evidente que a Xunta pode ser unha ferramenta de primeira orde para avanzar nese camiño, mais só se o facemos desde a plena consciencia de que o actual marco político (e as súas institucións) foi deseñado explicitamente para perpetuar a nosa submisión, e non para superala. Partindo desa certeza, debemos por suposto gobernar mellor e mellorar no posíbel as condicións de vida das clases populares, ao tempo que convertemos a institución nunha aliada dos movementos sociais transformadores e da cidadanía mobilizada. Mais nada diso será suficiente se non damos pasos que posibiliten ir máis alá dos cada vez máis estreitos marcos existentes.

Non podemos nin debemos prometer á poboación a solución dos seus problemas se gobernamos a Xunta, sinxelamente porque sabemos que esa solución non é posíbel neste marco. Desde a pedagoxía constante desa idea, mais sen caer na frustración, debemos pois tentar trascender os límites do que se nos vende como “posíbel” e forzando ao máximo as costuras deste réxime, con valentía e sen complexos nin medo das consecuencias.

Igualmente, a perspectiva dun avance nas eleccións municipais e a posibilidade de acceder a máis gobernos nos concellos require un debate que teña en conta as experiencia acumulada, para definir que obxectivos mínimos nos marcamos e como aproveitamos iso, non só para xestionar mellor, senón sobretodo para facer avanzar socialmente o noso proxecto político.

Existen diferentes experiencias transformadoras en gobernos nacionalistas ao longo do país e cómpre que estas deixen de ser iniciativas locais para converterse en liñas nacionais de actuación que definan a presenza do BNG en todos os gobernos municipais. Experiencias de participación, de recuperación de servizos para mans públicas ou de colocación dos recursos ao servizo do pobo teñen que ser a axenda central do BNG nos gobernos. 

En relación ás tarefas institucionais, é preciso tamén sermos consecuentes na nosa relación co PSOE. Non é preciso reiterarmos o tradicional papel desa forza como un dos principais piares do réxime postfranquista, mais o certo é que o seu rol como “mal menor” ou mesmo a súa caracterización formal como un partido progresista ou até de esquerda non nos ten permitido ser sempre coherentes na relación con esa forza, asumindo en moitas ocasións que a opción desexábel por defecto é a de chegar a acordos de goberno con ela e, moitas veces, mesmo contribuíndo a lexitimala en lugar de desenmascarala como o que é.

Pensamos que, independentemente de que haxa que impedir sempre que posíbel o avance da dereita máis explícita e do fascismo, en todas as institucións nas que actuemos (e fóra delas) é necesario caracterizar correctamente o papel do PSOE, e máis especialmente neste momento no caso do chamado “goberno de progreso”. Esa fórmula, agora coa lexitimación engadida pola presenza de Podemos-IU, non fixo máis que incumprir as súas promesas e compromisos, polo que debemos asumir ante ela un labor de oposición consecuente que non deixe espazo ás dereitas para capitalizar o descontento. O papel do soberanismo a nivel estatal non debe ser nunca o de facilitar a gobernabilidade ou a estabilidade nin do goberno nin do réxime en troca de pequenas concesións, senón xusto o contrario: evidenciar a incapacidade das forzas españolas e do estado que sustentan á hora de dar respostas ás necesidades do noso pobo.

Unha Asemblea Nacional para seguir a sumar forzas

A nosa aposta é por un BNG máis democrático e participativo, con maior introdución social e traballo de base, con propostas audaces en todos os ámbitos, claramente diferenciado das forzas do sistema e abertamente confrontado coa oligarquía que nos empobrece. Sabemos que moita militancia comparte estes criterios e eixos de intervención, e que o compromiso colectivo con eles será quen de darlle cada vez máis forza a todos os niveis.

A XVII Asemblea Nacional será un punto de inflexión importante en todos estes debates. A pandemia impediu durante ano e medio celebrar asembleas presenciais e dar debates que serán chaves neste proceso asemblear. Por tanto, cómpre revitalizar a organización e aproveitar a nova fase para afondar nos mecanismos de participación e elaboración colectiva que nos permitan afrontar con máis forza os retos que temos por diante.

Con esa intención elaboramos e partillamos a nosa análise e propostas que queren seguir sumando na construción dunha ferramenta política plural e diversa, cunha militancia comprometida e a firme convicción de que só cun proxecto consecuentemente soberanista e de esquerda seremos quen de mellorar a vida do noso pobo. 

O BNG afronta esta Asemblea nun momento de recuperación logo de anos de grande esforzo por parte da súa militancia, que mesmo conseguiu que a importante débeda que a organización acumulara por causa dos desacertos pasados vaia saldarse proximamente. Agora cómpre aproveitar a dinámica favorábel para avaliar e rectificar erros, marcar obxectivos para a nova fase e seguir sumando militancia e forza social en chave soberanista para avanzar cara á ruptura democrática que abra camiño á nosa República.

Comparte:

Share on facebook
Share on twitter
Share on whatsapp
Share on telegram

As últimas entradas

Por dignidade e coherencia, non debemos apoiar un novo goberno do PSOE

Para comezar sequera a falar de novos acordos ou posíbeis apoios a un goberno estatal, o mínimo esixíbel -por unha cuestión de dignidade política non só como organización senón como pobo- sería o cumprimento íntegro do xa asinado no seu día e a reversión dos recortes, medidas antipopulares ou retrocesos da última lexislatura. 

Sobre a situación en Palestina

O Movemento Arredista, fiel aos seus principios de solidariedade internacionalista e loita contra toda forma de opresión, desexa expresar a súa posición fronte aos acontecementos recentes en Palestina. Historia e contexto: Non se pode comprender a situación actual sen recoñecer a historia de desprazamento e opresión que sufre o pobo palestino desde hai máis de

[Dia da Patria 2023] Ergamos as nosas bandeiras

Este Día da Patria celébrase nunha conxuntura marcada por un contexto económico cada vez máis complicado para a maioría social e polo resultado das eleccións españolas. Ambos factores, ligados entre si, debuxan un panorama difícil ante ao que deberemos saber responder como movemento político, analizándoo acaídamente e con respostas á altura das necesidades do noso